O 95% foron profesionais ligados ao sector agrogandeiro ou da planta ornamental, dacordo á orientación destes certames
Documentación da feira:
• ESTA CIFRA CASE DUPLICA AS PREVISIÓNS FEITAS POLA ORGANIZACIÓN, QUE SITUABAN A ASISTENCIA EN 6.000 PERSOAS
• 13 XORNADAS TÉCNICAS, 5 CONCURSOS, 5 PRESENTACIÓNS E EXHIBICIÓNS E A VISITA DE 10 IMPORTADORES CONFORMARON O SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES
Silleda, 6 de marzo de 2010.- Ao peche das feiras paralelas GandAgro e Arco Verde, atravesaran as portas do recinto Feira Internacional de Galicia 11.478 visitantes, os cales asistiron á primeira edición dun monográfico especializado en gandería e agricultura e á sexta convocatoria dunha feira profesional de produtores de planta ornamental que constituiron durante tres días un completo escaparate de innovacións e un efectivo centro de negocios para os seus respectivos sectores
É necesario destacar que desta cifra total de asistentes un 95% (10.904 persoas) foron visitantes profesionais vencellados ao sector agrogandeiro e da planta ornamental, dacordo coa orientación destes certames. Así mesmo a asistencia casi duplica as previsións da organización, que situaban a asistencia en 6.000 persoas
O Salón Monográfico da Gandería e a Agricultura, GandAgro, contou con 220 firmas expositoras de 12 países (España, Portugal, Alemaña, Bélxica, Canadá, Dinamarca, EE.UU, Francia, Holanda, Israel, Italia e Nova Zelanda), as cales ocuparon unha superficie de máis de 12.000 m². Pola súa banda, na sexta edición de Arco Verde reuníronse 52 firmas na súa área expositiva, as cales ocuparon máis de 4.000m².
Ambos certames foron inaugurados o pasado xoves ás 12.30 horas polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, quen destacou a Feira Internacional de Galicia como “o espazo idóneo para afrontar a modernización da Galicia rural”. Rueda estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, o cal definiu aos salóns como “útil punto de encontro que permite aos profesionais unha actualización de coñecementos básica para facer fronte aos retos permanentes da competitividade”, ao tempo que destacou que GandAgro “constitúe un escaparate privilexiado do mellor da nosa produción gandeira”.
No acto tamén estiveron presentes o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo; a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán Abal a alcaldesa de Silleda, Ofelia Rey; e a directora da Fundación Semana Verde de Galicia, Paloma Hidalgo, ademais doutras autoridades.
Máis de 20 actividades
En canto ao programa de actividades de GandAgro, este contou con máis dunha vintena de actividades entre as que tiveron lugar xornadas técnicas, concursos gandeiros e de innovación, presentacións e exhibicións.
As xornadas técnicas destacaron no programa de GandAgro 2010, celebrándose un total de 12, as cales trataron temas de gran actualidade e interese para o sector. Unha das máis destacadas foi a adicada a “Abonado de cultivos forraxeiros con xurros”, na cal Juan Castro Ínsua, director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo deu a coñecer que o emprego do purín producido por unha soa vaca ao longo dun ano como abono en cultivos forraxeiros supón para os gandeiros un aforro anual de entre os 276 e os 318 euros, destacando tamén que 2,5 vacas poden abonar 1 hectárea de millo sin empregar ningún outro tipo de abonos químicos.
Tamén despertou gran interese o XVI Monográfico de Gando Porcino, ao cal asistiron máis de 200 produtores, os cales puideron coñecer diversos exemplos de explotacións porcinas galegas que se encontran en distintas fases de adaptación á nova normativa de benestar animal, de obrigado cumprimento a partir de 2013. Gran afluencia tivo tamén a xornada sobre seguridade alimentaria no sector do penso organizada por Agafac (Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos), na cal o seu xerente, Bruno Beade, deu a coñecer que o sector do penso en Galicia, co 15% da produción nacional, factura 560 millóns de euros anuais e ocupa a 1.500 persoas, ao tempo que presentou un sistema de análisis conxunto das materias primas que entran en Galicia para a fabricación de pensos que garantiza a súa seguridade alimentaria.
A calidade na produción alimentaria foi outro dos temas tratados nunha das xornadas do salón. Nela o sudirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, Ricardo Rivas, deu a coñecer que Galicia conta con 30 denominacións de calidade (nas que se inclúen tanto Denominacións de Orixe Protexida como Indicacións Xeográficas Protexidas), cuxos produtos facturan en orixe 285 millóns de euros, e nas cales están implicadas 25.000 produtores e 750 industrias.
Os agroseguros, a fertilización orgánica, un novo método de inseminación artificial en cunicultura, o cordeiro neonato, o manexo e a hixiene no muxido ou o cultivo de millo para silo desde unha perspectiva de costes de produción foron outros temas tratados no marco de GandAgro 2010.
Concursos de gando e innovación
Os concursos tamén tiveron un papel importante dentro do certame, celebrándose os morfolóxicos XXX Concurso Internacional da Raza Frisona “Open GandAgro” e o XIX Autonómico, os cales reuniron a 250 exemplares de 60 ganderías de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela-León, Navarra e Portugal.
A vaca Pebi Venel 8402 da gandería Blanco, de Lalín (Pontevedra), obtivo o premio Vaca Gran Campiona do XXX Concurso Internacional, mentras que Cando Fania September da SAT Rey de Miñotelo, de A Pastoriza (Lugo), fíxose co galardón Vaca Gran Campiona de Galicia “Fefriga 2010” no XIX Concurso Autonómico.
O Mellor Criador Internacional foi Ganadería Diplomada Badiola S.L de Luanco (Asturias), sendo recoñecida como Mellor Criador de Galicia Casa Pozo, de Lugo.
Tamén vencellado ao gando frisón celebrouse o III Concurso de Peladores, no cal gañou Iván Ferreiros Señor, da gandería Casa Grande de A Pastoriza. E o XXVI Concurso de Xóvenes Manexadores, sendo os vencedores a coruñesa Cristina Carro, da SAT Casa Nova de Mesía, na categoria infantil, e o cántabro Germán Fernández Muñoz, da SAT Ceceño de Valdaliga, en junior.
Nesta primeira edición de GandAgro tamén tivo lugar o concurso de innovación tecnolóxica “GandAgro Innova 2010”, o cal evaluou 12 innovacións procedentes de distintos puntos da xeografía española e de Portugal, destinadas a aportar melloras ao mundo rural e optimizar os seus recursos. O primeiro premio foi para un revolucionario método de inseminación artificial que aumenta o benestar animal e reduce o risco sanitario e a man de obra, o segundo recaeu nun punto de ordeño con catro vías co que se pode muxir cada teto da vaca de forma individual, e o terceiro nun novedoso proxecto de instalación de biodixestación de puríns que permite reducir as emisións de CO2 á atmósfera.
En canto ás presentacións, os protagonistas foron exemplares de raza frisona, coa exhibición dun grupo de proxenie (vacas descendentes dun mesmo touro) formado por 8 exemplares, e tamén de rubia galega, coa presentación morfolóxica de 42 exemplares desta raza autóctona de Galicia.
A éstas uníronse diversas exposicións de razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Foron un total de 160 animais entre as que estiveron as razas bovinas (cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa); o porco celta, a ovella galega, o cabalo de pura raza galega e a galiña de Mos, participando os exemplares desta última nun concurso-exposición no que resultaron gañadores un galo propiedade de Arlindo Rivero, de Vigo, e unha galiña pertencente a Dolores Mosteiro, de Melide.
Tamén con protagonismo dunha raza autóctona en perigo de extinción, levouse a cabo unha exhibición de doma de alta escola de cabalos de pura raza galega, na que participaron dous exemplares.
Programa de Arco Verde
Nesta feira profesional dos produtores de planta ornamental, de forma paralela á súa área expositiva, celebrouse unha xornada técnica sobre abonos e sustratos organizada por Asproga (Asociación Galega de Produtores de Plantas Ornamentales), na cal os expertos Óscar Guido García Villanueva e Folker Bohlen, da empresa alemana Gramoflor GmbH & Co KG, foron os ponentes. Así mesmo, tivo lugar a asemblea anual de Agaexar (Asociación Galega de Empresas de Xardinería), á que asistiron 25 asociados de toda a Comunidade.
Por outra banda, acudiron ao certame 10 importadores de Alemaña, Francia e Reino Unido que visitaron a todos os expositores do salón, os cales estableceron interesantes contactos comerciais internacionais que lles permitirán ahora abrir novos mercados no exterior.
+ info