Enerxétika recupera as súas datas habituais e celebrará a súa terceira edición do 3 ao 5 de febreiro de 2022

Silleda, 29 de abril de 2021.- A terceira edición da feira da enerxía de Galicia,  Enerxétika, será finalmente do 3 ao 5 de febreiro de 2022. Así o decidiu esta mañá o seu Comité Organizador nunha reunión por videoconferencia na que participaron representantes de preto dunha trintena de empresas e entidade de gran relevancia no sector da enerxía, aos que acompañaron a xerente do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Vanessa Cal, e o director do Departamento de  Enerxía desta mesma entidade, Juan Ignacio Rodríguez.

O certame, aprazado en 2020 debido á crise sanitaria xerada pola COVID-19, estaba previsto do 4 ao 6 de novembro. Sen embargo, o seu Comité Organizador analizou hoxe a situación para a súa celebración nestas datas e determinou a idoneidade do seu traslado ao próximo ano. Por unha banda, valorou a actual configuración do calendario feiral no ámbito enerxético, pois os movementos de data doutros eventos debido á pandemia supuxeron a concentración de citas relevantes en datas moi próximas a  Enerxétika. Isto podería comprometer a presenza na feira de expositores e visitantes comúns, que xa transmitiron á organización a súa preocupación neste sentido, e condicionar deste xeito o seu crecemento positivo. Por outra banda, avaliouse a incerteza que segue existindo entre algunhas empresas do sector, especialmente de gran tamaño e presenza internacional, que lles levou a adoptar políticas restritivas que ou limitan a presenza en feiras ou ben non contemplan a súa participación en ningún evento este ano. Así mesmo, tívose en conta que este atraso supoñería mellorar a confianza do público e tamén que o valor engadido que supón a celebración do Xacobeo se mantería pola súa extensión a 2022.

Con todo iso, o Comité Organizador apostou por recuperar as súas datas habituais nos primeiros meses dos anos pares, o que tamén supón consolidar o certame no calendario. Pretende así asegurar o alto nivel de resultados da feira e continuar coa súa magnífica evolución, a cal supuxo na súa pasada edición de 2018 a presenza de 104 expositores directos, 11,8% máis; 5.479 metros cadrados de superficie neta, un 27,6% maior; e un 13,3% máis de visitantes, alcanzando os 6.235. Así mesmo, para as datas de marzo de 2020 contaba, antes do seu aprazamento debido á COVID-19, con excelentes expectativas, estando interesados en participar un 24% máis de expositores con varias semanas de comercialización aínda por diante.

Estes resultados, sumados ao importante momento que está a vivir o sector debido á transición enerxética e que continuará en 2022, farán de  Enerxétika unha cita con gran interese.

Novidades e melloras

Ademais de fixar as novas datas de  Enerxétika, o Comité Organizador abordou outros aspectos do certame relativos ás novidades e melloras que se implementarán na súa próxima edición. Entre elas, destacouse a importancia de potenciar a súa dixitalización e programa de actividades, así como seguir traballando na súa internacionalización.
 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas