A feira Abanca Semana Verde mantense en 2021 trasladando as súas datas para celebrar unha edición especial do 3 ao 5 de setembro

Silleda, 10 de marzo de 2021.- A 43ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos manteñen a súa celebración neste ano 2021, aínda que se trasladan das súas datas habituais para levarse a cabo do 3 ao 5 de setembro.

Nos últimos meses a Fundación Semana Verde de Galicia estivo traballando intensamente nesta convocatoria, podendo constatar un gran respaldo por parte dos expositores, que foron transmitindo á organización o seu interese en participar, aínda que sempre vinculado a que a evolución da situación sanitaria o permitise.

Así, tendo en conta a situación actual, os expositores consideran de forma xeneralizada que a data na que estaba  previso celebrar o certame, do 3 ao 6 de xuño, estaría demasiado próxima para realizar un evento coas características desta feira multisectorial con gran asistencia de expositores e público. E entenden que o traslado a setembro é a mellor decisión posible, xa que podería permitir que o certame se desenvolvese cunhas maiores garantías, tanto no número de empresas e entidades participantes como na confianza do público visitante.

Neste sentido, os expositores expresaron maioritariamente á Fundación a súa intención de participar en setembro e aproban a proposta de que o evento conte cunha duración de tres días en lugar de catro, dado que será unha edición especial, con características axustadas á situación actual.

Unha feira exitosa e segura

O equipo da Fundación implicado na organización da 43ª Abanca Semana Verde de Galicia xa está a traballar no deseño e planificación do evento, adaptando o seu formato e as súas actividades, para priorizar ante todo a satisfacción e a seguridade de todos os expositores e asistentes.
 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas