Organizado por OK Eventos, nesta nova convocatoria o certame medra considerablemente respecto ás dúas primeiras. Así, mostrará 900 coches seminovos, quilómetro cero e de ocasión, 400 máis que os anos anteriores, o que supón un incremento do 80%. Ademais, pasará de ocupar unicamente o pavillón 1 a sumar a este parte do pavillón 2, ata un total de 20.000 metros cadrados.
Serán trinta empresas de distintos puntos de Galicia, entre oficiais e compravendas multimarca, as que mostren as súas propostas. Unha participación que supón dez expositores máis que o ano pasado.
Aos grandes descontos e condicións especiais que sempre se ofrecen neste tipo de feiras, nesta ocasión sumaranse prezos excepcionais destinados a eliminar o stock producido durante o tempo que os establecementos estiveron pechados debido á crise sanitaria derivada do covid-19. Así, os visitantes poderán escoller entre unha ampla variedade de marcas e modelos con prezos sen precedentes.
A entrada terá un custe de 3€ por persoa e día, aínda que os menores de 16 anos poderán acceder de forma gratuíta. O horario de apertura da feira será de 10.00 h a 21.00 h os tres días.
Protocolo nun espazo de grandes dimensións
A organización estableceu un protocolo para garantir a seguridade dos expositores e visitantes fronte ao covid-19. Así, os pavillóns contarán con grandes pasillos, perímetros de seguridade, zonas amplas de tránsito para manter a distancia social e tamén sentidos da circulación. Unhas medidas que se ven favorecidas polas grandes dimensións do recinto e os seus pavillóns principais, que nestes momentos permiten celebrar eventos con gran seguridade.
Así mesmo, contará con xel hidroalcohólico nas entradas e saídas, ademais de varios puntos do interior. A máscara será obrigatoria para acceder ao certame.