Equina 2020 celebrarase do 31 de xullo ao 2 de agosto, con ascenso de categoría e excelentes perspectivas de participación

Silleda, 22 de xuño de 2020.- Equina desenvolverá a súa edición de 2020 do 31 de xullo ao 2 de agosto. Será de novo no recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA, que con esta cita retomará a celebración de eventos.

Organizada pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), esta cita manterá todos os seus concursos e as súas inscricións mostran xa unhas excelentes perspectivas de participación.

Ademais, Equina contará cunha importante novidade na súa principal competición, o Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia. Este concurso  morfofuncional, que levará a cabo a súa sexta edición, ascende á categoría 2 estrelas. Trátase dunha importante concesión, debido a que o máximo neste tipo de concursos son as 3 estrelas, que ademais supón un gran prestixio para esta competición e converteraa nun referente no mundo da pura raza española. Para outorgala un comité de expertos tivo en conta a súa excelente evolución e o esforzo realizado na súa organización, ademais doutros aspectos como as magníficas instalacións do recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Esta proba, que se desenvolverá durante os tres días de Equina, será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, a cal está previsto que se celebre entre o 17 e o 22 de novembro en Sevilla, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB). Nesta ocasión, e debido á categoría 2 estrelas, os cinco primeiros de cada sección deste Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia clasificaranse directamente, en lugar dos tres que o facían antes.

O concurso será emitido a través da web da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE), e motivado polo ascenso de categoría emitirase en directo para 68 países. Esta entidade volverá estar presente cun stand promocional e o seu presidente, Juan José Morales, acudirá ao evento.

Doma Clásica, Enganches e Espectáculos

Ademais do VI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, Equina 2020 acollerá dúas competicións de  doma clásica. Serán a  XXII Copa  Accega e o II Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de  Doma Clásica. Esta última, que conta co apoio da Consellería  do Medio Rural, volve formar parte de Equina tras a súa boa acollida na pasada edición, cando rexistrou participantes de numerosos puntos de Galicia e tamén de España.

Ademais, levarase a cabo a segunda xornada clasificatoria para a Copa Galega de Enganches, organizada pola Federación Galega de Enganches. Unha competición que retornou a Equina con gran éxito de participación o ano pasado e que incluirá as modalidades  Mini Poni, Veteranos, Categoría Libre,  Sulky, Troncos e  Limonera.

Por outra banda, engadirase ao programa de actividades un vistoso espectáculo de carrusel e exhibicións de doma vaqueira e de traballo.

Completo protocolo contra o covid-19

Equina 2020, cuxa entrada será gratuíta, celebrarase con gran seguridade tanto para o persoal e os participantes nas súas competicións como para os asistentes ao recinto.

Así, establecerase un completo protocolo para previr a difusión do  coronovirus. Incluirá a entrega a todos os participantes dunha folla coas medidas adoptadas e tamén máscaras para cada un dos días de competición. Ademais, habilitaranse dez zonas con  hidroxel en distintos puntos do recinto e varias veces ao día desinfectaranse con  nebulizadores espazos como as bancadas ou os boxes. Tamén se controlará o acceso e separaranse as zonas onde descansan os participantes do espazo destinado ao público.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal