
Silleda, 3 de decembro de 2020.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA non celebrará este Nadal o seu querido parque de atraccións Silleda Park. Con esta decisión a entidade feiral quere garantir a seguridade de nenos e adultos fronte á COVID 19, xa que as características do parque non permiten gardar as distancias de seguridade tanto en distintos espazos como na maioría de atraccións e actividades.
A Feira Internacional de Galicia ABANCA pretende volver celebrar este evento no Nadal 2021-2022, ofrecendo unha proposta que siga sumando éxitos a un parque de atraccións que contou con gran acollida dende a súa primeira edición e que na súa última cita recibiu 12.877 visitas e acadou o seu récord en asistencia diaria, ao rexistrar 1.640 persoas o 29 de decembro.