A Feira da Enerxía de Galicia, premio á mellor actuación de sensibilización e difusión en materia enerxética


Silleda, 26 de febreiro de 2019.- A Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG) acaba de fallar os VI Premios Galicia Enerxía, os cales recoñecen as mellores actuacións en materia enerxética ao longo do pasado ano na Comunidade autónoma galega. 

No marco destes galardóns foi recoñecida a Feira da Enerxía de Galicia, a cal recibiu o Premio á Mellor Actuación de Sensibilización e Difusión en Materia Enerxética.

Organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA en colaboración coa Xunta de Galicia, este certame celebrou a súa segunda edición do 22 ao 24 de marzo de 2018 e volverá a ter lugar en 2020 co obxectivo de converterse  de novo en espazo de confluencia do sector enerxético e dar un paso máis cara unha internacionalización que xa comezou a xestarse na pasada cita.

Os restantes cinco galardóns foron concedidos á empresa Coverwind Solutions, como mellor proxecto emprendedor; ao alumeado de Nadal do Concello de Vigo polo mellor proxecto de iluminación; á Fase I da Rede de Calor “Distric Heating” con biomasa do Concello de Silleda, como mellor proxecto de enerxías renovables; ao Hotel Sempre Fisterra polo mellor proxecto de eficiencia enerxética: e á xornalista de La Voz de Galicia Beatriz García Couce, como mellor comunicador en materia enerxética.

A lectura pública destes gañadores foi realizada en Santiago de Compostela polo presidente da Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Oriol Sarmiento, acompañado dos vocais e membros do xurado, Raquel Maquieira e Fernando Blanco.

Entrega dos galardóns


Estes premios serán entregados na gala Noite da Enerxía, que se celebrará o vindeiro 15 de marzo en Santiago de Compostela
 
© 2019 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal