Silleda, 13 de abril de 2022.- O CHNC TOUR 2022 ponse en marcha na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda, cunha cita que se celebrará desde o vindeiro venres, 15 de abril, ata o domingo, día 17. Serán preto dun centenar de binomios chegados de toda Galicia os que participarán na primeira das cinco probas que organiza esta tempada Concursos Hípicos non Camiño.
A pista verde do recinto prepárase para o que será o primeiro concurso de saltos nacional organizado en Galicia esta tempada. A proba, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Concello de Silleda e Fundación Semana Verde de Galicia, incluirá, ademais do concurso de saltos, un roteiro de sendeirismo baixo o amparo de Festibandeira e tamén música para todos os públicos.
O venres 15 ás 11.00h dará comezo a primeira das tres xornadas coa proba de cruzadas, seguindo as alturas en orde correlativo ata o final do día coa proba reina de 1,30 metros, na que o vixente campión, José Luís Milán Dopico, tentará facerse de novo co título. Tamén se celebrará unha proba de promoción e posta en valor do Camiño de Santiago, onde os xinetes terán que realizar un percorrido co seu cabalo para, na segunda parte do mesmo, coller a mochila e superar os diferentes obstáculos da pista.
Entre as actividades da primeira xornada está prevista a entrega de obsequios a todos os participantes, froito da colaboración entre a organización e a tenda ecuestre Tuxe Life, e tamén o concerto de La Movida para pechar o inicio da proba.
Como novidade nesta edición, o concurso poderá seguirse de forma íntegra en streaming, a través da plataforma Clipmyhorse.
CHNC TOUR 2022 volve poñer á Feira Internacional de Galicia ABANCA no panorama nacional da hípica, nunha aposta clara por recuperar e asentar os concursos de saltos en Silleda.