
O titular do departamento educativo da Xunta destacou a aposta redobrada do Goberno galego por estas ensinanzas nos Orzamentos 2024 cun investimento de case 30M€. “Isto supón destinar máis do dobre que hai dous cursos e tradúcese en máis recursos, materiais e humanos, e en melloras que impactan directamente nas persoas”, dixo.
Neste sentido, explicou que unha das novidades derivadas deste reforzo orzamentario é que vai permitir eliminar as taxas do procedemento de Acreditación de Competencias Profesionais. ”As persoas traballadoras que queiran acreditar a súan experiencia profesional e validala por módulos de ciclos de FP poderán facelo totalmente de balde, o que vai supoñer un aforro estimado de 86€ por cidadán”, detallo o conselleiro.
Román Rodríguez lembrou o récord de alumnos colleitado este ano pola FP, con 64.570 matriculados, un 85% máis ca en 2008 e sinalouno, xunto cos datos de empregabilidade e confianza das empresas como “exemplos claros de que a FP galega funciona e funciona ben”. “Desde a Xunta imos seguir reforzando a nosa aposta por estas ensinanzas, tanto no económico como en todo o que supoña visibilizar e poñer de relevancia o gran capital humano e o gran potencial innovador que teñen os nosos centros de FP”, rematou.
Actividades de difusión e obradoiros
Galiciaskills 2023 desenvólvense en 24 competicións noutras tantas especialidades nas que o alumnado, co apoio do seu profesorado titor, demostra as súas destrezas a través da realización de diversas probas de habilidades e coñecementos da súa área de formación. Os gañadores da medalla de ouro conformarán a delegación que represente a Galicia nas próximas Spainskills, o campionato que reúne a todas as comunidades.
Ademais das oficiais, celébranse outras oito competicións en formato exhibición para alumnado de ciclos formativos e catro destinadas a alumnado de programas formativos básicos, centrados no alumnado con necesidades especiais de atención educativa.
Durante estes días, alumnos de diferentes centros educativos visitan Galiciaskills para coñecer as posibilidades da FP e descubrir todo o seu potencial práctico, tanto a través do propio concurso como de actividades variadas preparadas para a ocasión. Entre elas, os 3.000 visitantes previstos poden participar en obradoiros de imaxe persoal, reprografía ou experimentar a realidade virtual mediante simuladores. O encontro remata o venres coa entrega de premios, na que participarán tanto estudantes e profesores como os expertos membros dos xurados, patrocinadores e familias.
Éxito internacional
A FP galega ten demostrado o seu éxito a nivel internacional neste tipo de competicións. Non en balde, este mesmo ano Mateo Rubal (IES María Sarmiento, Viveiro), María Emilia Piedra (CIFP Paseo das Pontes, A Coruña) e Sergio Martínez (CIFP Manuel Antonio, Vigo) participaron no campionato europeo EuroSkills, onde o primeiro deles acadou a medalla de bronce en Soldadura. Os outros dous estudantes obtiveron mencións de excelencia nas modalidades de Cociña e de Recepción hoteleira. Ademais, Sergio Martínez obtivo a medalla de bronce no certame mundial WorldSkills e María Emilia Piedra un diploma.
Especialidades en Galiciaskills 2023
| Especialidades en competición |
| Carpintaría |
| CNC Fresado |
| Cociña |
| Coidados auxiliares de enfermaría e atención sociosanitaria |
| Control Industrial |
| Desenvolvemento web |
| Deseño mecánico - CAD |
| Ebanistaría |
| Floraría |
| Fontanaría e calefacción |
| Instalacións eléctricas |
| Mecatrónica |
| Panadaría |
| Peiteado |
| Pintura do automóbil |
| Recepción hoteleira |
| Refrixeración e aire acondicionado |
| Reparación de carrozaría |
| Servizo de restaurante e bar |
| Soldadura |
| Tecnoloxía da moda |
| Tecnoloxía do automóbil |
| TI Administración de sistemas en rede |
| Xardinaría paisaxística |
| Demostracións |
| Atención dermofarmacéutica |
| Escaparatismo e comercialización visual |
| Fabricación aditiva |
| Tecnoloxía de laboratorio químico |
| Programas formativos básicos |
| Peiteado |
| Reprografia |
| Servizos de restauración |
| Xardinaría e viveirismo
|





