XGN R Encounter 2023 pecha reforzada polos seus bos resultados e con ambición de seguir medrando

 

 

 Silleda, 15 de outubro de 2023.- A 23ª XGN R Encounter remata hoxe na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda) tras tres días de frenética actividade. Os dous pavillóns principais do recinto, de 10.000 metros cadrados cada un, foron o escenario perfecto para esta lanparty, onde se desfrutou dunha óptima calidade de conexión a Internet grazas a R, que facilitou unha velocidade de ata 20 Gbps.

Unha estabilidade da rede e solvencia técnica que puxeron en valor os/as organizadores/as, quen tamén felicitaron a todo o equipo humano que fixo posible que a XGN R Encounter fose un éxito e mostraron a súa satisfacción ao facer balance desta edición, destacando o seu crecemento en canto ao número de rexistrados/as con respecto ao ano pasado.

Dende o pasado venres ata hoxe domingo foron máis de 800 os/as rexistrados/as que desfrutaron de medio centenar de actividades en áreas tan diversas como a arte dixital, a programación, a intelixencia artificial, a impresión 3D ou os videoxogos.

Esta última xornada do evento estivo protagonizada pola entrega de premios -un total de 6.125 euros- nas múltiples competicións realizadas, sempre relacionadas coa informática, as novas tecnoloxías e o lecer electrónico.

Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, subliñou o bo ambiente, a camaradería e o espírito colaborativo do evento. No seu discurso de peche pediu aos/as asistentes que traian o ano que vén a dous amigos/as cada un/a, para que a lanparty siga medrando. Ademais, confesou que a XGN R Encounter é un dos eventos do recinto polos que sente predilección, polo que "nós tamén seguiremos empuxando para que o ano que vén aínda sexa mellor".

Esta cita foi a sétima con R como colaboradora e patrocinadora oficial e de novo contou co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, a súa impulsora, o que cada ano permite seguir avanzando no obxectivo de converter a esta lanparty galega na segunda a nivel nacional.

Profesionais e afeccionados/as de 24 provincias

O perfil dos/as participantes nesta edición da XGN R Encounter alíñase coa súa boa evolución como espazo para a posta en común de coñecementos tecnolóxicos desde un punto de vista profesional, sen esquecer a parte máis lúdica destes ámbitos.

Así, os/as rexistrados/as responden a perfís de profesionais e afeccionados/as cunha media de idade de 29 anos entre cuxos intereses á hora de acudir á party destacan a realización de contactos e a transferencia de coñecementos, ademais do entretemento.

 

Así mesmo, a súa procedencia amplíase respecto ao anterior edición. Se en 2022 eran orixinarios/as de 18 provincias, nesta son de 24, na súa maioría de Galicia, pero tamén doutras como Madrid, Bizkaia, Asturias, Valladolid, Burgos, León, Barcelona, Murcia, Sevilla, Cantabria, Toledo, Baleares ou Albacete.

+ Fotos de XGN R ENCOUNTER 2023

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal