AquaFuture Spain´23 reafírmase como foro internacional da acuicultura e volverá en 2025

Silleda, 30 de marzo de 2023.- A segunda edición da feira AquaFuture Spain´23, organizada por OK Eventos, pechou as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA tras tres días de gran actividade e a súa consolidación como foro internacional do sector acuícola.

Así, en canto ao público, aínda que os organizadores non dispoñen aínda de cifras finais, si constataron que se rexistrou unha maior afluencia de visitantes que na pasada edición, cando acudiran máis de 2.000 persoas. Pero máis aló das cifras, valoran a calidade do visitante, o cal tivo un perfil moi profesional, e tamén o feito de que fose notable a presenza estranxeira entre os asistentes.

Respecto a estes asistentes, destacaron positivamente a ampla oferta do certame, a calidade do programa e tamén a presenza de altos cargos de moitas das empresas nos seus stands, o que outorga un gran nivel ao certame. Todo iso despois de coñecer as últimas novidades de 160 empresas e entidades de 24 países, un 10% máis que na súa anterior edición, as cales ocuparon 12.000 metros cadrados, un 9% máis de superficie.

Estes expositores de AquaFuture Spain´23 mostraron de forma xeneralizada aos organizadores a súa satisfacción, destacando o perfil dos visitantes, o cal supuxo para eles a realización de interesantes contactos, e o carácter internacional da feira. Non en balde, o 35% dos expositores eran estranxeiros.

Por outra banda, a inmensa maioría confirmou que volverá participar na próxima edición, a cal será en 2025. Deste xeito o certame pasará a ser bienal, tras celebrarse dous anos seguidos para favoreces a súa consolidación despois da súa primeira edición e tamén atender a demanda tanto do sector como das numerosas empresas que non puideron participar nesa primeira edición ao esgotarse o espazo dispoñible. Unha periodicidade que foi ben acollida polos expositores, xa que consideran que agora si o certame debe celebrarse cada dous anos e permitir así xerar novidades e ter maior presenza.

Unha atractiva proposta

AquaFuture Spain´23, que foi inaugurado o pasado martes pola Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, mostrou unha ampla oferta do sector acuícola, con presenza de compañías de subministracións industriais, alimentación, procesamento, equipamento profesional, hatcheries (criadeiros), tecnoloxía e desenvolvemento, software e informatización, produtores, asociacións, institucións públicas, publicacións ou formación.

Á súa área expositiva uniuse un ambicioso programa con máis de trinta actividades que contaron con gran éxito, completándose os aforos en case todas elas. Sesenta recoñecidos profesionais relacionados co ámbito da acuicultura a nivel nacional e internacional, ademais do gastronómico, foron os encargados de dirixilas.

Un dos atractivos principais desta programación foron as súas xornadas técnicas, as cales este ano profundaron máis naqueles aspectos claves para a sustentabilidade e o crecemento do sector da acuicultura baixo os títulos “Economía circular aplicada á acuicultura", "Oportunidades do mercado internacional de acuicultura", "Medidas de adaptación ao cambio climático en acuicultura", “Benestar animal e sustentabilidade”, “Solucións tecnolóxicas en transporte e almacenamento no ámbito da acuicultura” e o "Uso responsable do plástico no sector acuícola".

Por outra banda, levouse a cabo un completo programa de presentacións de produtos, servizos ou proxectos. “Acuicultura de precisión ao servizo do produtor”, “Patoloxías virais transmitidas por consumo de moluscos bivalvaos”, “Dixitalización en acuicultura off-shore”,  “Calidade da auga como factor clave na  bioseguridade en acuicultura”, “Vantaxes das nanoburbullas en acuicultura”, “Sistemas de captación de mejilla”, "Ecoloxía e Recursos Mariños: Acuicultura Multitrófica integrada”, “O uso de probióticos en pensos para larvas de peixes mariños, unha historia de éxito” ou “Solucións tecnolóxicas para o tratamento de efluentes de acuicultura” foron soamente algunhas delas.

Así mesmo, tras o éxito da pasada edición, repetíronse as sesións de cociña en vivo, as cales permitiron coñecer e desfrutra de exquisitos pratos elaborados con produtos de acuicultura. Así, realizáronse seis showcookings con reputados chefs que ofreceron diferentes elaboracións con mexillón de Galicia, conservas de peixes de acuicultura, robaliza e dourada con espirulina ou troita.

+ Fotos da feira Aquafuture 20223
+ Info en www.aquafuturespain.com

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal