A Fundación Semana Verde pecha 2022 con cifras récord en varia feiras e un grande incremento na facturación da Central Agropecuaria de Galicia Abanca

Silleda (Pontevedra), 20 de decembro de 2022.- A Fundación Semana Verde de Galicia pecha 2022 con cifras récord en varias feiras e un grande incremento na facturación da central agropecuaria, segundo se puxo de manifesto hoxe na reunión do seu Padroado. Presidida pola secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Elena Muñoz, en calidade de vicepresidenta do Padroado, a xuntanza serviu para facer o balance provisional deste ano e presentar os orzamentos para 2023.

A previsión é que neste exercicio as contas queden practicamente equilibradas, tras a celebración de 21 eventos cos que se foi recuperando a normalidade despois da pandemia e volveu o protagonismo das actividades distintas aos procesos selectivos. Deste últimos celebráronse sete fronte ás 14 restantes. Ademais, en 2022 incluíuse no calendario o novo certame de seguridade, defensa e emerxencias Sedexpo, que tivo moi boa acollida, e rexistráronse varias feiras con cifras récord.

Así, os salóns de alimentación e turismo da Feira Internacional Abanca Semana Verde acadaron os seus mellores resultados en expositores e superficie. Pola súa banda, a sexta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca converteuse na maior celebrada ata o momento en todos os seus parámetros, cun 26% máis de expositores, unha superficie un 16% maior e un 27% máis de visitantes,  ademais de ser a máis internacional tanto na exposición como na procedencia dos visitantes.

Neste exercicio destacan tamén as cifras da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, que, a falta de dúas sesións para pechar o ano, acadou xa unha facturación de case 32,4 millóns de euros, un 52,31% máis que na mesma semana de 2021 e un 76,8% máis que na de 2019. Cómpre sinalar tamén que xa supera nun 52,53% a facturación total anual de 2021 e nun 77,9% a de 2019. En canto á asistencia, con dúas poxas pendentes de celebrarse este ano, suma unha concorrencia de 49.021 animais, un 11,6% máis que na mesma semana de 2021 e 9,2% máis que na de 2019, ademais de supoñer xa un incremento dun 8,54% nas cifras totais de asistencia en 2021 e dun 6,3% respecto ás de 2019.

A maiores, na reunión analizouse o orzamento previsto para 2023, o cal  será de novo de case 3 millóns de euros, co obxectivo de manter a liña positiva lograda en 2022 tras o parón da pandemia e tendo en conta a incerteza económica que se prevé para os vindeiros meses.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal