A recuperación da actividade e a renovación rotatoria da xunta executiva centran a asemblea da Asociación Española de Mercados de Ganado

Silleda, 29 de novembro de 2021.- A Asociación Española de Mercados de Ganado (ASEMGA) celebrou o pasado venres en Salamanca a súa asemblea xeral.

Durante o seu transcurso levou a cabo a renovación da súa xunta executiva tras dous anos de exercicio da anterior, tal e como establecen os estatutos da entidade. Elixiuse como presidente a Javier López Estrada, alcalde de Torrelavega (Cantabria), pasando á vicepresidencia Ricardo Durán, director da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA (Silleda, Galicia) e anterior presidente, en cumprimento do regulamento da Asociación. En canto á secretaría técnica, aínda que se trata dun cargo permanente, tamén houbo cambio de responsable debido á xubilación do anterior, José Luis Díaz Álvarez, do mercado de Pola de  Siero (Asturias). A partir de agora o posto ocuparao David Pastor, do mercado de Salamanca (Castela e León). Mantense como secretario administrativo Julio Pérez, coordinador da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA.

En relación con esta renovación, Ricardo Durán informou sobre a súa xestión durante o seu período como presidente, desde setembro de 2019, moi marcado pola COVID-19 pero tamén polo traslado da sede de  ASEMGA á Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, o nomeamento do coordinador deste mercado como secretario administrativo e tamén polo traballo de Durán para incidir tanto na modernización dos mercados como no benestar animal. Aspectos que trasladou á propia Central Agropecuaria que dirixe. A nivel tecnolóxico coa implantación dunha aplicación que permite aos compradores poxar dende o móbil e aos vendedores recibir as cotizacións e rexeitar a venda a distancia, e en canto ao benestar, con diversos aspectos, como este mesmo ano a mellora das camas dos animais.

Respecto a pandemia, destacaron as xestións como a realizada ante a Junta de Castilla y León para que se eliminase a restrición de non superar o 50% das prazas permitidas para os animais nos mercados desa Comunidade debido a que non existía evidencia científica que os vinculase coa transmisión da enfermidade, e tamén a solicitude á Xunta de Galicia para que, ante o peche da hostalería, a restauración dos mercados puidese acollerse á mesma excepción que as estacións de servizo situadas nas estradas. O motivo era que os transportistas dos mercados realizan xornadas amplas e duras, e en boa medida en horario nocturno, ao que se sumaba entón a obrigación de comer e  asearse nos seus camións.

Así mesmo, sinalou a súa elección como vicepresidente primeiro da Asociación Europea de Mercados de Gando (AEMB), posto que ocupa desde decembro do pasado ano e que supón representación española a nivel europeo. Neste sentido, informou sobre o desenvolvemento da asemblea xeral da  AEMB, celebrada o pasado 11 de novembro en Kilkenny (Irlanda), incidindo tanto na recuperación que reflicten os datos dos mercados europeos como na importancia da implantación das novas tecnoloxías, ademais de trasladar aspectos de interese da visita realizada ao mercado de  Kilkenny, pioneiro na utilización dunha aplicación coa que se pode poxar desde calquera parte do mundo e no que o 39% das poxas son en liña, co consecuente aumento da asistencia de animais e mellora de prezos.

Recuperación da actividade e novas tecnoloxías

Na reunión tamén se analizou a evolución en 2021 nos distintos mercados en canto a concorrencia de gando, concluíndo que de forma xeneralizada se sitúan en cifras de asistencia semellantes ás de 2019. Así mesmo, constatouse que o aumento das cotizacións en vacún maior é tamén común nos mercados nacionais, debido a que na actualidade existe unha importante demanda deste tipo de carne en restauración.

Por outra banda, os asistentes acordaron incrementar o uso das novas tecnoloxías, intercambiando coñecementos e experiencias enriquecedoras entre os mercados tanto nacionais como estranxeiros e tamén investindo recursos da entidade para esta mellora tecnolóxica.

Central Agropecuaria e ASEMGA

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, xestionada pola Fundación Semana Verde de Galicia, forma parte de ASEMGA xunto a outros sete mercados, como son os de Castro Ribeiras de Lea, León, Medina del Campo, Pola de Siero, Salamanca, Santiago de Compostela e Torrelavega. A excepción da Central e do mercado de Salamanca, xestionado pola Deputación, o resto están dirixidos por Concellos.

ASEMGA, creada en 1993, ten entre os seus fins a promoción e defensa da función comercial dos mercados e do papel dos mesmos na organización do mercado de gando e carne, en particular a nivel do establecemento de prezos. Tamén a difusión da investigación científica e a innovación, ademais da realización de actuacións en materia de formación para os traballadores.  ASEMGA é membro da Asociación Europea de Mercados de Gando, con sede en Bruxelas.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal