A 21ª XGN R Encounter suma no seu programa máis de 40 actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e o ocio electrónico

Silleda, 8 de outubro de 2021.- A 21ª  XGN  R  Encounter comeza mañá no recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA. E faio con 425 participantes que desfrutarán ata o vindeiro luns dunha cita tecnolóxica que recupera o seu formato presencial para os inscritos, nunha edición con aforo reducido.

Trátase da segunda  lanparty, tras a celebración da  Euskal  Encounter o pasado mes de xullo en Bilbao, que recupera a  presencialidade dos participantes. Estes poderán gozar dun programa que incluirá máis de 40 actividades lúdicas e formativas, entre elas competicións de arte dixital, seguridade informática ou videoxogos.

A aposta pola seguridade é unha das premisas principais desta cita, que conta cun completo protocolo de prevención fronte á COVID-19, favorecido polos enormes pavillóns do recinto, a súa ventilación e a redución do aforo, menor do habitual nos últimos anos, o que permite en todo momento unha ampla separación persoal entre participantes. Sumaranse aspectos como a medición de CO2, reforzo da vixilancia e a limpeza, uso obrigatorio de máscara ou habilitación de puntos de desinfección.

Esta cita é a quinta con  R como colaboradora e patrocinadora oficial, a cal proporciona ademais 20  xigas de velocidade de conexión ao evento, e de novo conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da  party. A  XGN  R  Encounter está vinculada á rede de  Encounters que a Fundación  Euskaltel impulsa desde hai máis de 25 anos e da que forman parte a  Euskal  Encounter, a  Gipuzkoa  Encounter e a  Araba  Encounter.

Actividades

Especialmente interesante será nesta edición a área de hardware, que entre as súas moitas actividades, como a modificación e personalización de equipos, inclúe un taller para montar unha “ retroconsola”, a Open  Led Race, carreira onde os participantes terán que facer avanzar a súa cor LED por un circuíto, e o  Roteiro  Maker, unha iniciativa que tenta achegar a ciencia e a tecnoloxía ás zonas rurais e  semirrurais de Galicia con diferentes talleres para todos os públicos e nun formato innovador e divertido. Tamén haberá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico,  fast  compos e anime  music vídeo.

Así mesmo, os participantes afeccionados ao software libre poderán tomar parte no AI  Contest, unha proba consistente en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. De igual forma, organízanse torneos de trece videoxogos distintos, entre os que non faltan algúns dos máis populares, como  LOL,  CSGO,  Valorant ou  Skribbl. io,  Fifa21,  JustDance 21,  Guilty  Gear:  Strive ou Mario Kart 8: Deluxe. E, como sempre, haberá tamén divertidos xogos como o Trivial de cinema, o karaoke ou o “Non te rías que é peor”.

A  XGN  R  Encounter tamén incluirá un programa de actividades que será unicamente online e de acceso aberto e gratuíto tanto para os rexistrados como para o público en xeral. Desta maneira, quen o desexe poderá desfrutar a través da canle de  Discord da  party ou de Youtube de conferencias e talleres con títulos tan atractivos como “Guía de supervivencia de  criptomonedas”, “ IVAO España, a familia da simulación aérea”, “Un  stream desde o outro lado” ou “O onte e hoxe do  k-pop”.

Encounter TV

Moitas das actividades da  XGN  R  Encounter serán retransmitidas e comentadas nun extenso programa que se emitirá en  streaming durante os dous primeiros días do evento a través da plataforma “ Twitch”, de forma que será accesible a calquera persoa interesada en seguir a actualidade do encontro tecnolóxico. O programa, que leva por título  EncounterTV, incluirá ademais entrevistas e actuacións musicais e humorísticas.
 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas