A feira Abanca Semana Verde supera expectativas ao recibir a 57.000 persoas nunha edición especial marcada pola seguridade

 

Silleda, 5 de setembro de 2021.- A 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia pechou hoxe as súas portas no recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA. A esta edición especial, que tiña como obxectivo contribuír á reactivación económica e ofrecer un espazo seguro de negocio e entretemento, acudiron preto de 57.000 persoas durante os seus tres días de celebración.

Esta cifra de asistentes, calculada en base aos controis de aforo dos pavillóns principais, foi compatible con que o público desfrutarse da feira con seguridade, debido ás grandes dimensións do recinto, os seus amplos espazos exteriores e os controis de aforo en interiores, ademais doutras medidas, como a redución da área de exposición con ampliación de corredores, medición de CO2 en interiores, entrada e saída aos pavillóns por accesos diferentes, uso obrigatorio de máscara para adultos e nenos maiores de 6 anos, habilitación de numerosos puntos de desinfección ou o reforzo da vixilancia e a limpeza.

O certame superou as expectativas tanto da organización como da inmensa maioría de expositores, considerando que a resposta do público foi moi positiva.

Esta cita mantivo a esencia deste certame multisectorial, coa diversidade e o atractivo das súas propostas tanto na súa exposición como no seu programa. Foron 389 expositores directos de 6 países os que estiveron presentes no certame, sumándose 212 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente procedían de 17 países. En canto á superficie neta foi de 8.595 metros cadrados, mentres que a ocupada por expositores e actividades ascendeu a 70.000 metros cadrados.

Unha participación expositiva que respondeu á actual situación derivada da COVID-19 e á celebración do certame nun mes que non é o propio, pero que conformou unha edición con interese e que pretendía dar un paso adiante para recuperar en 2022 as condicións que levaron á feira Abanca Semana Verde a convertese nunha cita de referencia. Un obxectivo que, tendo en conta os resultados da feira, conseguiu amplamente.

Ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contou novamente con numerosos sectores, dende gandería, biomasa, enerxías renovables ou maquinaria ata mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. A esta exposición uniuse un completo programa con 130 actividades distintas, moitas das cales se repetiron ao longo de varios días.

Certames paralelos e un atractivo programa


O salón de alimentación Salimat Abanca foi un ano máis un importante espazo de negocio. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto  Galego de Promoción Económica (Igape), acolleron 600 reunións entre 70 expositores e 18 compradores de 8 países. Ademais, a súa área  Alinova incluíu 77 innovacións, mentres que no seu programa houbo numerosas catas e  showcookings, como os de recoñecidos chefs do Grupo  Nove e a semifinalista en  MasterChef 9,  Ofelia  Hentschel, Tamén incluíu talleres, o primeiro concurso de tortilla española ou o Encontro  Gastroblogger.

Turexpo Galicia e  Festur, as cales se celebraron co respaldo da  Axencia Turismo de Galicia, contaron coa presenza de empresas do sector e 32  concellos que promocionaron 41 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional incluíuse o IV Encontro de  Bloggers e destacou a Bolsa de Contratación Turística, a cal propiciou 1.900 reunións entre preto dun centenar de empresas e 38 operadores turísticos de 11 países. Sumouse a cociña en vivo do proxecto  Eurochef.

En canto a  Fecap Abanca, que conta co apoio da Dirección  Xeral de Patrimonio Natural, apostou nesta edición por un completo programa, con novidades como a Presentación de Cans de Caza de Galicia, unha exposición de artes antigas ou talleres de montaxe de moscas para pesca a cargo de  montadores referentes a nivel mundial. A Dirección  Xeral organizou diversas actividades relacionadas coa natureza.

As actividades caninas e ecuestres foron moi numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras con propostas como a II Copa de  Agility e a I Copa de  Agility por Equipos Abanca Semana Verde, exhibicións de pastoreo de ovellas ou diversas propostas do Can de  Palleiro. Nas ecuestres destacaron o VIII Galician  Championship de cabalos árabes e unha actividade formativa con ponis, así como a presentación e  doma de exemplares de  Cabalo de Pura Raza  Galega.

A área de gandería centrouse na exposición de razas autóctonas de Galicia, tanto de Rubia  Galega como das razas en perigo de extinción. E o programa completouse con outras propostas de interese, como espectáculos de freestyle a cargo do piloto pioneiro desta modalidade en Portugal; unha exposición de dinosauros  animatronics, a VI Carreira Popular, a realización de esculturas con motoserra ou unha área de  videoconsolas e  pc  gaming.

 

>>> Fotografías da feira 

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal