Os primeiros test de comportamento da raza Can de Palleiro realizaranse mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA

Silleda, 9 de outubro de 2020.- O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA  acollerá  mañá  os  primeiros test de comportamento  que realiza o Can de  Palleiro  en exemplares  desta raza autóctona  galega. Trátase da parte presencial dun estudo que  ten como  obxectivo principal promover unha cría responsable desta raza  e  coñecer en maior profundidade as súas características temperamentais.

O Club Raza Can de  Palleiro  (CRCP)  e a Fundación   Rof   Codina son  os impulsores deste  proxecto,  subscribindo un convenio mediante o cal o  Servizo  de  Etoloxía do Hospital Veterinario Universitario  Rof   Codina está a realizar un estudo sobre diferentes aspectos do comportamento racial destes cans.

Para o seu desenvolvemento establecéronse dous test. O primeiro trátase dun cuestionario previamente validado co que se pretende  manter  e potenciar perfís de comportamento  específicos da raza ao  longo do  tempo.  Grazas a el  poderíase  chegar a avaliar  o  comportamento da descendencia,   monitorear o progreso da selección do  comportamento dentro das razas ou  liñaxes,  elixir  os  mellores  reprodutores  e  obter medidas de comportamento     fenotípicas   confiables para futuros estudos  xenéticos do temperamento.  Xa se obtiveron 178 cuestionarios de exemplares de Can de  Palleiro.

Avaliación presencial

Estes cuestionarios complementaranse realizando un test de comportamento  presencial  tamén validado  cientificamente.  Os  primeiros test que levarán  a cabo neste estudo serán  os que  mañá  acolle o recinto  feiral,  onde se avaliarán  unha  ducia de cans  durante toda la  mañá, se  ben se repetirán en distintos puntos da  xeografía  galega coa  finalidade de obter o  maior número de participantes posible.

Nesta parte do estudo expoñerase ao animal a diferentes estímulos de distinta  intensidade  e valorarase  a súa reacción,  sempre velando polo  benestar de cada  can participante. Cos  resultados de ambas, poderase   realizar unha elección  máis eficaz dos  futuros  reprodutores, así como categorizar  mellor o temperamento da raza.
 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas