Asemga elixe a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA como a súa nova sede administrativa

Silleda, 12 de setembro de 2020.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA albergará a sede administrativa da Asociación Española de Mercados de Ganado (ASEMGA), da cal forma parte. Acordouse na asemblea xeral desta entidade, celebrada o venres por videoconferencia.

Deste modo, ante a próxima xubilación do actual secretario administrativo, Felipe Granados, director da Fundación Talavera Ferial, os membros da Asociación decidiron que a sede pase de Talavera de la Reina a Silleda, sendo a primeira vez que esta cambia de localización dende a súa creación. Así mesmo, o secretario administrativo pasará a ser o coordinador da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Julio Pérez.

Ademais deste acordo, no encontro abordáronse outros temas como o estado de contas da Asociación, a situación da Asociación Europea de Mercados de Ganado ou a incidencia do COVID-19 na comercialización do gando. Respecto a este último tema, falouse de cambios actuais e futuros na actividade comercial e a posible adopción de medidas ante a evolución do sector. Así mesmo, os mercados expuxeron a súa experiencia durante o peche e en canto ás medidas establecidas na reapertura. Sobre estas últimas coincidiron en que se ben é axeitada a redución de aforo no número de persoas asistentes que se determinou nos mercados, non o é a fixación dun número máximo de animais que se impuxo no caso do mercado de Salamanca, e que foi 1/3 do aforo ao principio da pandemia e agora é do 50%.

Por outra banda, analizáronse as problemáticas particulares de cada mercado no desenvolvemento da súa actividade cotiá, coincidindo unha vez máis os presentes na incidencia que ocasionan os centros de concentración de ganado privados, os cales se localizan preto dos mercados e afectan á súa actividade. Neste sentido, destacaron a importancia de que se regule o volume de animais que concorren a estes centros de concentración e que se establezan normas sanitarias como as dos mercados, os cales contan con supervisión veterinaria, control de entrada de animais ou limpeza de vehículos.

A vindeira asemblea, en Abanca Cimag-GandAgro

Ao remate do encontro, que foi o primeiro presidido polo director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, tralo seu nomeamento como presidente de Asemga, tamén se decidiron as datas da vindeira asemblea xeral da entidade. Acordouse levala a cabo no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, a cal terá lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 25 ao 27 de febreiro. O encontro será o segundo día do certame agropecuario.

Central Agropecuaria e Asemga

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, xestionada pola Fundación Semana Verde de Galicia e parte esencial da súa actividade diaria, forma parte da Asociación Española de Mercados de Ganado (ASEMGA) xunto a outros oito mercados nacionais. A excepción da Central e tamén do mercado de Salamanca, xestionado pola Deputación, o resto están dirixidos por Concellos.

A Central trátase da única poxa informatizada de gando de España, o que supón que exclúe ao intermediario e outorga transparencia a un sistema no que se evita o regateo e tanto compradores como vendedores establecen as súas condicións económicas para que as transaccións se leven a cabo.

Asemga, creada en 1993, agrupa aos principais mercados gandeiros de España. Entre os seus fins está a promoción e defensa da función comercial dos mercados e do papel dos mesmos na organización do mercado de gando e carne, en particular ao nivel do establecemento de prezos. Tamén o é a difusión da investigación científica e os progresos técnicos que permitan a mellora das instalacións materiais dos seus asociados e a realización de actuacións en materia de formación para o desenvolvemento e cualificación dos traballadores. Asemga é membro da Asociación Europea de Mercados de Bovino (AEMB), con sede en Bruxelas.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal