A Feira Internacional de Galicia ABANCA únese ao Clúster Alimentario para aumentar o seu apoio ao sector

Silleda, 13 de marzo de 2020.- A  Feira Internacional de Galicia ABANCA acaba de unirse ao Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), pasando a formar parte dos máis de 90 socios cos que conta esta entidade. Entre eles atópanse moitos dos principais axentes da cadea de valor dos alimentos e as bebidas.

O obxectivo da organización feiral é integrarse nos procesos de cooperación impulsados polo Clúster, participando en accións e proxectos colaborativos coas empresas e organizacións máis fortes e innovadoras do sector e contribuíndo tamén a formar unha masa crítica que permite fortalecer a competitividade, a internacionalización e a visibilidade do sector alimentario.

A  Feira Internacional de Galicia ABANCA está moi vinculada coa alimentación, xa que un dos seus certames máis consolidados,  Salimat Abanca, céntrase neste sector. O salón celebrará a súa 24ª edición do 4 ao 7 de xuño xunto coa 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Ademais da implicación en proxectos conxuntos, a condición de socio do Clúster supón interesantes servizos, como a formación, o  networking, o  Inconsumer  Marketlab, consistente en analiza as tendencias de consumo cos produtos e servizos das empresas; o  Innstrategy, o cal ten como obxectivo implantar un sistema piloto de apoio á innovación; e o  Inmarket, un sistema de información estratéxica que busca detectar oportunidades e ameazas.

Estreita colaboración co Clúster

A incorporación da  Feira Internacional de Galicia ABANCA como socio do Clúster Alimentario de Galicia súmase á xa estreita colaboración que ambas entidades veñen mantendo dende hai anos.

Así, acaban de renovar o acordo de colaboración iniciado xa en 2016, mediante o cal pretenden unir forzas para incidir na profesionalización de Salimat Abanca e potenciar os seus Encontros Internacionais de Compradores. Un convenio que permitiu aumentar notablemente a calidade dos importadores alimentarios presentes e que volverá maximizar na edición de 2020 a efectividade destas reunións de negocio.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal