Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde, elixido novo presidente da Asociación Española de Mercados de Ganado

Silleda, 6 de setembro de 2019.- O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, foi elixido hoxe novo presidente da Asociación Española de Mercados de Ganado (ASEMGA).

Con esta designación, en representación da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, toma o relevo do deputado salmantino Román Javier Hernández Calvo, quen ostentaba o cargo en nome do Mercado de Ganado de Salamanca. Durán presidirá a entidade durante dous anos.

A votación para a renovación da xunta directiva, que se realiza  estatutariamente cada bienio, tivo lugar na asemblea xeral de Asemga. Esta celebrouse esta mañá no marco da 31 Exposición Internacional de Gando Puro, Salamaq 2019, a cal se desenvolve no recinto feiral de Salamanca desde onte ata o vindeiro luns.

Completarán o equipo directivo Julián Barrera Prieto, representante do mercado de Salamanca, que se converte en vicepresidente, e os secretarios técnico e administrativo. Estes son, respectivamente, José Luis Díaz Álvarez, de Pola de  Siero, e Felipe Granados Lomas, de Talavera de la Reina.

Modernización e benestar animal

No seu novo cargo Ricardo Durán incidirán na modernización dos mercados para optimizar os servizos que se prestan aos gandeiros, favorecendo así unha evolución positiva da súa actividade que tamén redunde nunha maior rendibilidade e xeración de riqueza no ámbito gandeiro. Así mesmo, traballará para unha mellora dos mercados en canto ao benestar animal das reses que concorren aos mesmos.

Na consecución destes e outros obxectivos o director da Fundación Semana Verde de Galicia traballará para buscar a implicación das distintas administracións, a cal considera esencial neste labor.

Central Agropecuaria e Asemga

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, xestionada pola Fundación Semana Verde de Galicia e parte esencial da súa actividade diaria, forma parte da Asociación Española de Mercados de Ganado (ASEMGA) xunto a outros oito mercados nacionais. A excepción da Central e tamén do mercado de Salamanca, xestionado pola Deputación, o resto están dirixidos por Concellos.

A Central trátase da única poxa informatizada de gando de España, o que supón que exclúe ao intermediario e outorga transparencia a un sistema no que se evita o regateo e tanto compradores como vendedores establecen as súas condicións económicas para que as transaccións se leven a cabo.

Asemga, creada en 1993, agrupa aos principais mercados gandeiros de España. Entre os seus fins está a promoción e defensa da función comercial dos mercados e do papel dos mesmos na organización do mercado de gando e carne, en particular ao nivel do establecemento de prezos. Tamén o é a difusión da investigación científica e os progresos técnicos que permitan a mellora das instalacións materiais dos seus asociados e a realización de actuacións en materia de formación para o desenvolvemento e cualificación dos traballadores. Asemga é membro da Asociación Europea de Mercados de Bovino (AEMB), con sede en Bruxelas.

 
© 2019 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal