Nove horas de espectáculo e 4.000 asistentes nun Spring Festival que reuniu a Panorama, El Combo Dominicano e París de Noia

Silleda, 25 de maio de 2019.- O Spring Festival reuniu onte na Feira Internacional de Galicia ABANCA a 4.000 persoas que non quixeron perderse os espectáculos de tres das orquestras máis solicitadas do momento, El Combo Dominicano, París de Noia e Panorama.

O festival, organizado pola empresa Piñeiro Pub, celebrouse por primeira vez ao aire libre, na explanada central do recinto. Comezou pasadas as 22.00 horas e estendeuse durante aproximadamente nove horas nas que as novidades das orquestras participantes se sucederon no escenario. El Combo Dominicano foi a primeira agrupación en saír, sendo logo a quenda de París de Noia, seguida de Panorama. O segundo pase mantivo a mesma orde de actuación.

El Combo Dominicano abriu o evento co seu Meneíto Tour, que está a suscitar moi boas opinións e que conta cun repertorio no que o 80% dos temas son novos. Entre estas novas cancións sonaron con gran éxito ao longo da noite versións de El Baile del Mango, La Calor, Ansias Locas ou Cucaracha Borracha, un reggaeton que a orquestra converteu nun merengue. Ademais, tamén se puideron escoitar temas propios, como El Meneíto, que da nome a esta nova xira, e algúns que xa son imprescindibles para o seu público dende fai tempo, como Esta Noche ou a súa composición Un Beso en la Discoteca. Todo isto sobre un escenario que estrean nesta tempada.

A orquestra París de Noia, que presentaba por primeira vez o seu espectáculo Somos Nosotros ao completo, fixo desfrutar aos asistentes dende o inicio. Comezou cun remember de temas míticos de Beyoncé e Bruno Mars que deu paso a un listado de cancións renovado case na súa totalidade, con versións como as de Subido en el Palo, de La Banda Gorda, ou Somos Nosotros, da que tomaron o nome da xira. Dende un escenario novo e montado ao completo, algo que poderán facer en poucas ocasións polas súas dimensións, tamén ofreceron ao público asistente o seu vibrante homenaxe a Queen, o cal incluíu algúns dos temas do seu mítico concerto de Wembley.

Panorama amosou unha montaxe de luz e son que sorprendeu en cada bloque do espectáculo. Ao festival chegou coa practica totalidade do seu novo Number One Tour, co cal percorrerá España ata outubro, e no que destacaron vestiarios, posta en escena e artistas. Os seus vinte compoñentes fixeron un repaso a temas e artistas que teñen sido números un, con tributos especiais a Michael Jackson e Freddie Mercury. Unha parte fundamental do seu espectáculo que se completou con cancións de máximo actualidade como Malamente, de Rosalía; El Anillo pa Cuando, de Jennifer López ou Con Calma, de Daddy Yankee. Sumáronse outras que nunca faltan nas súas actuacións, como El Vals de la Mariposas ou os temas do verán de fai algúns anos, que todo o público coreou.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal