Silleda, 21.12.2017.- O parque de atraccións Silleda Park ponse en marcha mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA para ofrecer a nenos e xóvenes doce días de diversión con numerosas propostas.
Ademais de mañá venres, as portas do recinto estarán abertas para desfrutar do parque os días 23, 28, 29 e 30 de decembro e do 1 ao 7 de xaneiro, o que supón unha xornada máis de celebración que na pasada edición. O horario estenderase todos os días de 16.30 horas a 21.30 horas.
O Silleda Park conta de novo cunha formulación que xa tivo gran acollida nas dúas citas anteriores e que combina atraccións, zonas lúdicas e deportivas e actividades. En canto ás primeiras, que aumentan e inclúen algunhas novidades, os asistentes poderán desfrutar de saltamontes, pista de coches, dragón, olla, tirachinas, barco de aventuras, inchables, camas elásticas, excalestric, carrusel e pista americana.
A elas sumaranse varias áreas lúdicas, como unha de videoxogos e outra de xogos para os máis pequenos, un xadrez xigante, unha exposición de figuras de ciencia ficción ou unha zona deportiva con pistas de fútbol, baloncesto e tenis, ademais de minigolf, ping pong e, como nova proposta, billar. Tamén incluirá diversas actividades con interesantes incorporacións. Así, levaranse a cabo talleres de maquillaxe, globoflexia e, por primeira vez, de espadas láser. Novidades serán tamén a presenza de personaxes de debuxos animados, un karting infantil interior e unha galería de tiro con pistolas de paintball.
Por outra banda, o 23 de decembro realizarase unha exhibición de kung fu, zumba e tai chi a cargo da Asociación Deportiva Kung Tai, o día 30 unha actuación de El Show de los Payasos e o 5 de xaneiro o parque acollerá o final da Cabalgata de Reis do Concello de Silleda, con chocolatada gratuíta.
Entradas
A entrada xeral terá un custe de 5€ (tanto para nenos como para adultos), se ben os menores de tres anos poderán acceder gratuitamente. Para grupos de dez ou máis persoas o prezo será de 4€, sendo necesario neste último caso contactar previamente coa organización para concertar a visita do grupo. Tamén 4€ será o prezo por persoa para familias numerosas. O aparcadoiro será de entrada libre.
Coa entrada os asistentes poderán acceder ás atraccións as veces que queiran e tamén desfrutar das zonas lúdicas e actividades, con só tres excepcións. Así, terán custe engadido ao da entrada unha pista de karting para adultos situada no pavillón contiguo ao do parque, o taller de espadas láser e as máquinas recreativas instaladas en distintos puntos do Silleda Park.
A esta ampla oferta, que pode consultarse na web www.feiragalicia.com/silledapark, engadirase a comodidade de celebrarse nun pavillón con gran amplitude, climatización e servizo de restauración.