A feira Abanca Semana Verde cumpriu 40 anos con satisfacción de expositores e público e unha asistencia que volveu a superar os 100.000 visitantes


Silleda, 11.6.2017.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos, que nunha hora pechan as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, contaron cunha afluencia estimada que volveu a superar amplamente os 100.000 visitantes. Estes acudiron a unha cita que estivo marcada pola satisfacción xeralizada de expositores e público.

En canto ás empresas presentes a maioría valoraron positivamente o negocio realizado e moitas das que  participaran anteriormente consideran que o aumentaron. Respecto ao asistentes, destacaron a gran variedade expositiva e de actividades.

Dende o xoves ata hoxe 637 expositores directos, un 8% máis que en 2016, estiveron presentes na área expositiva do 40 aniversario da Abanca Semana Verde e os seus certames paralelos Salimat Abanca, de alimentación; Fecap Abanca, de caza, pesca e natureza; e Turexpo Galicia e Festur, do sector turístico. Ao total de expositores directos sumáronse 226 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente procedían de 18 países.

En canto á superficie expositiva, ascendeu a 15.243 metros cadrados, cun destacado crecemento do 31% que supón unha das maiores subidas respecto á anterior convocatoria que se ten rexistrado na traxectoria do certame. Respecto ao espazo ocupado por expositores e actividades mantívose en cifras semellantes ás da pasada edición, superando os 77.000 metros cadrados.

A feira foi inaugurada o xoves polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou dous elementos clave que fan desta cita o maior certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular,  a sustentabilidade e a identidade, ao tempo que salientou a implicación e o esforzo dos traballadores da Semana Verde e o traballo conxunto para que no seu 40 aniversario acadase un nivel de ocupación de expositores similar a 2007, superando os 630 expositores.  No acto estivo acompañado polo vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Alfonso Rueda, e da Conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

A diversidade volveu caracterizar á feira Abanca Semana Verde, xa que ademais dos certames paralelos, contou con numerosos sectores que foron dende gandería, biomasa, mascotas, xardinería ou pequena maquinaria e ferramentas ata decoración, mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. Unha completa oferta á que se uniu un intenso programa de actividades.

Máis de 180 actividades
Ademais do amplo número de propostas expositivas da 40ª Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos, todos eles conformaron tamén coas súas propostas un amplísimo programa con máis de 180 actividades, moitas das cales se repetiron os catro días.

O 21º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2017, converteuse un ano máis nunha plataforma de negocio e escaparate tanto para a distribución como para produtos de calidade, artesáns, gourmet e innovadores.  No seu programa máis profesional foron de gran relevancia os Encontros Internacionais de Compradores, coorganizados xunto co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), nos cales se celebraron máis de 1.100 reunións entre 100 empresas de alimentación que mostraron os seus produtos no certame e 24 importadores, distribuidores e restauradores de 10 países.

Destacou tamén a área Alinova, na que se expuxeron máis de 60 novidades, algunhas tan atractivas como chouriciños de estruga, crema de polbo, aceite de chocolate, paté de berberechos con castañas ou ovos cociñados a baixa temperatura. A elas sumáronse numerosas catas, degustacións, maridaxes e showcookings de distintos produtos, ademais do III Encontro Gastroblogger do certame.

En canto a Fecap Abanca, que contou co respaldo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural,  ofreceu ao público propostas de gran atractivo, entre elas exhibicións de tiro con arco ou cetrería,  torneos de caza virtual, demostracións de tiro ao branco ou cans atraíllados sobre rastro de xabaríl,  montaxe de moscas para pesca ou talleres  para escolares sobre ecosistemas e terapia canina. Uníronse a elas cinco novos concursos monográficos caninos e a IV Exposición de Cans de Caza.

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebraron conxuntamente co apoio da Axencia Turismo de Galicia, contou coa presenza de distinto tipo de empresas do sector e 28 concellos que promocionaron 36 festas de interese turístico das catro provincias galegas. Na súa vertente profesional a Bolsa de Contratación Turística celebrou máis de 2.400 reunións, superando en máis de 1.000 as realizadas na pasada edición, as cales foron entre 117 empresas e 44 turoperadores procedentes de 10 países. Entre as propostas para público xeral tiveron protagonismo degustación e exhibicións de distintas festas de interese turístico de Festur.

As actividades caninas e ecuestres tamén foron numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras do XIV Concurso Nacional Canino, probas oficiais da Liga Autonómica de Agility, unha exhibición do Tercio Norte de Infantería de Marina ou diversas propostas do Can de Palleiro. Nas ecuestres destacaron o V Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes, exhibicións de horseball e perruquería equina e tamén propostas co Cabalo de Pura Raza Galega, como demostracións de ferraxe e andadura ou espectáculos de doma.

A área de gandería tamén ofreceu un completo programa centrado nas razas autóctonas galegas en perigo de extinción, as cales celebraron varios concursos morfolóxicos, algúns deles por primeira vez, e presentaron o selo 100% Raza Autóctona do Porco Celta. Ademais houbo unha exposición da raza Rubia Galega.

O programa completouse con moitas outras actividades de gran interese, como espectáculos de motor, a xuntanza anual do popular programa radiofónico Pensando en Ti, a presenza dun simulador de navegación da Marina, realización de esculturas en madeira, probas con motoserras, xogos sobre ciberseguridade, actuacións musicais ou a III Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, a cal contou con 241 participantes, un 43% máis que na pasada edición

>>> Máis comunicados de prensa da feira Abanca Semana Verde
>>> Fotografías da feira

 

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal