O Spring Festival entregou hoxe a asociación Aranes a achega económica desta primeira edición con carácter social


Silleda, 18 de maio de 2017.- O evento musical Spring Festival 2017 reunirá o vindeiro sábado, 20 de maio, a tres das orquestras máis populares do momento, como son El Combo Dominicano, París de Noia e Panorama.

Será a terceira edición do festival e a primeira con carácter social, sendo nesta ocasión a favor da Asociación de Rapaces e Amigos con Necesidades Especiais (Aranes), de Lalín. Unha entidade que esta mañá recibiu nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA a achega de 1.500€ comprometida pola organización do evento.

Neste acto estivo presente Jorge Silva, promotor do evento e encargado de facer a entrega do cheque, quen recordou que o Spring Festival se dedicará cada ano a un colectivo con necesidades específicas e que Aranes contará o vindeiro sábado cun posto dentro do pavillón para realizar “actividades promocionais e dar a coñecer a  súa problemática”.

O cheque foi recollido por Pablo Carrón, presidente de Aranes, quen agradeceu a Jorge Silva  a  entrega desta cantidade económica que lles axudará “a traballar día a día” nunha asociación da que destacou que conta cunha psicóloga e un fisioterapeuta que atenden entre 14 e 16 rapaces con diversidade funcional ao mes. Así mesmo, subliñou a “visibilidade” que lles aporta este acto solidario.

Pablo Carrón fixo extensivo este agradecemento á Fundación Semana Verde de Galcia e ao seu director, Ricardo Durán. Este deu a coñecer durante o acto que, tamén enmarcado nesta acción de carácter social do Spring Festival, a Fundación cederá a Aranes un local na 40ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia co obxectivo de que se dean a coñecer e podan captar socios.

Durán tamén amosou a súa satisfacción tanto polo crecemento que está a ter o Spring Festival como pola “sensibilidade de vincular  un evento que no mundo das orquestras é o máis do máis cun xesto a unha das asociacións que máis está facendo para visibilizar  un problema no que toda a sociedade se ten que volcar”. Neste sentido destacou que dende a Fundación e a organización do Spring Festival se está a “colocar esta problemática nun primeiro plano”.

Mañá, peche dos puntos de venda anticipada

Esta cita musical, que será a única na que as tres formacións participantes estean xuntas este ano,  estableceu máis de vinte puntos de venda anticipada de entradas.
Un deles é a través da web de Abanca (entradas.abanca.com), na cal se poderán mercar ata mañá ás 13.00 horas. Os restantes son establecementos físicos de distintos lugares de Galicia, nos cales  se pechará a venda de tickets mañá ás 20.00 horas.

O prezo desta entrada anticipada é de 5€ e inclúe consumición. Ademais pódese mercar en taquilla o mesmo día do evento a partir das 21.00 horas, onde o custe será tamén de 5€ pero sen dereito a consumición.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal