Máis de 10.000 persoas acudiron este Nadal á Feira Internacional de Galicia ABANCA para desfrutar do parque de atraccións Silleda Park

 


Silleda, 10 de xaneiro de 2017.- Cerca de 10.200 nenos e adultos acudiron este Nadal á Feira Internacional de Galicia ABANCA para desfrutar do seu parque de atraccións Silleda Park, o cal se desenvolveu no recinto durante once días, o 25, 29 e 30 de decembro e do 1 ao 8 de xaneiro.

Esta cifra supón un 25% máis de asistentes que na pasada edición do evento, a primeira, cando foran algo máis de 8.000 persoas durante o mesmo número de xornadas.

En canto á procedencia destes visitantes, acudiron de máis de 90 concellos diferentes das catro provincias galegas, ao igual que na pasada convocatoria. Un 73% dos asistentes era de fóra de Silleda, un 53% de fóra da comarca do Deza (á cal pertence Silleda) e un 45% doutras comarcas distintas ás de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Esta última cifra supón un incremento dos visitantes de fóra desta dúas comarcas limítrofes (o ano pasado eran un 43,5%) e unha expansión do evento respecto á cantidade de público procedente de zonas menos próximas ao recinto feiral. Neste sentido supón unha porcentaxe destacable para un evento como é un parque de atraccións.

Neste 45% de afluencia de fóra de Deza e Tabeirós rexistrouse unha importante cantidade de visitantes de localidades como Santiago de Compostela, Ordes, Ames, Boqueixón, Teo, Vedra, Boiro, Cuntis, Caldas, Pontevedra, Carballiño y Ourense aínda que tamén foron salientables os doutras como Arzúa, Negreira, Frades, Brión, Padrón, Moraña, Marín, Chantada e mesmo A Coruña e Vigo.

Segundo estes datos, obtidos na taquilla do evento, os concellos que aportaron maior número de visitante foron Silleda, co 27%, Lalín co 13%, Santiago co 9,3%, cuxa aportación de visitantes aumentou considerablemente (o pasado ano os visitantes de Compostela foran o 5,2%), e A Estrada co 7%.

De xeito anecdótico, acudiron ao Silleda Park persoas estranxeiras de visita en Galicia, como unha familia de Varsovia (Polonia), unha de Venezuela ou varias persoas de Andorra.

Parte de programas de Nadal

 

Por outra banda, foi destacable que un total de 13 concellos das provincias de Pontevedra e A Coruña incluíron este ano no seu programa de Nadal o parque de atraccións Silleda Park, participando a través deles máis de mil nenos. Algúns repartiron invitacións entre os rapaces empadroados, como Silleda, Agolada e Dozón, e outros organizaron viaxes ao parque, como Cuntis, Aranga, Rodeiro, A Baña, Vila de Cruces, Frades, Irixoa, Monfero, Boiro e Carral.

Ademais, diversas entidades colaboradoras da Feira Internacional de Galicia ABANCA distribuíron invitacións do Silleda Park. Así, Gadisa levou a cabo unha campaña na cal repartiu 2.500 entradas entre os clientes de varios dos seus centros Gadis e tamén realizou sorteos nas súas redes sociais, ao igual que o fixo ABANCA a través de Facebook e Twitter.

Os asistentes contaron nesta edición do Silleda Park con máis de trinta propostas distintas, as cales incluíron numerosas novidades e estiveron conformadas por atraccións, zonas lúdicas e actividades.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal