O festival Closing Tour reuniu onte a 4.000 afeccionados á música de orquestra que desfrutaron de cerca de 12 horas de espectáculo


Silleda, 8 de decembro de 2016.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA volveu a converterse onte en punto de encontro dos afeccionados á musica de orquestra coa celebración do festival Closing Tour 2016, o cal reuniu no pavillón 1 do recinto en torno a 4.000 persoas que acudiron a desfrutar dos espectáculos de París de Noia, Cinema, Marbella e Tekila. Ao público galego volveron a sumarse nesta ocasión asistentes de comunidades limítrofes, como Asturias ou Castela e León.

Esta quinta edición do evento, organizada pola empresa Piñeiro Pub, abriu as súas portas ás 20.00h e deu comezo sobre as 20.30 horas. Iniciouse coa actuación de Tekila, seguida de Marbella, París de Noia e Cinema. Cada unha das agrupacións fixo un primeiro pase dunha hora e media, para logo comezar unha segunda quenda na mesma orde e coa mesma duración dos pases.

O grupo asturiano Tekila, que considera o evento como un “gran escaparate” para aumentar a súa presenza en Galicia, interpretou o seu repertorio da última tempada, destacando versións como Zafra ou Amor Sincero, tema que en Asturias se coñece como Café. Como novidade, o público escoitou Reggaetón Lento.

Marbella presentou a unha nova vocalista, Laura Fernández, a única incorporación para a nova tempada, xa que segundo os seus compoñentes a orquestra aposta pola “continuidade” e a súa consecuente estabilidade. Ofreceu ao público o que foi o espectáculo deste ano 2016, con versións como Hasta el amanecer, Picky ou La bicicleta, incluíndo ademais algún dos temas da vindeira tempada, entre eles tamén Reggaetón Lento.

Na que foi a súa primeira actuación da tempada con toda a infraestrutura e compoñentes da orquestra, París de Noia tamén interpretou parte do seu repertorio de 2016, no que incluíu temas de actualidade e dúas performances, entre elas a basada na canción principal da película Frozen, de Disney. Ademais, deu a  coñecer aos asistente novas versións, como a de Shaky Shaky ou unha renovada de La Macarena.

Cinema, que co seu segundo pase foi a encargada de pechar o festival, presentou a unha nova vocalista que reforzará á orquestra, Silvia Blas. Ao igual que as restantes agrupacións, ofreceu repertorio deste ano, con cancións propias como Con un poco de tu amor, tema de César Romero con Cinema, ou versións como Chucuchá, popularizada pola orquestra. Ademáis deron a coñecer novas versións, como Safari ou Hasta que se seque el Malecón  nunha actuación que destacaron como un exemplo do “estilo “xoven, fresco e de actualidade” que caracteriza a esta formación.

Unha cita con gran atractivo

Os asistentes puideron desfrutar destas actuacións durante case 12 horas, dúas máis que na pasada edición. Un amplo horario no que os fans tamén tiveron a oportunidade de fotografarse con algúns dos compoñentes das orquestras no photocall do evento.

Todo isto no marco dun festival que contou de novo con climatización no pavillón e  servizos de restauración e roupeiro, ademais das dúas liñas de autobús que se engadiron nesta edición para acudir ao recinto.

Unhas excelentes condicións que converten ao Closing Tour nunha cita con gran atractivo.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal