A party informática Xuventude Galicia Net pecha tras 72 horas e a presenza de cerca de 800 inscritos

Foi visitada polo Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, quen tamén entregou os premios dos torneos oficiais e non oficiais do evento


Silleda, 11 de setembro de 2016.- A 16ª edición da party informática Xuventude Galicia Net pecha esta tarde as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA tras tres días de actividade e a presenza de cerca de 800 participantes, unha cifra na que aos máis de 700 inscritos previamente se suman os asistentes que compraron a súa entrada na propia taquilla do evento. Todos eles puideron desfrutar de forma ininterrompida dun posto con conexión de altas prestacións para o seu equipo informático e dun completo programa con máis de 40 actividades distintas.


Estes participantes, procedentes na súa maioría de Galicia pero tamén de Asturias, País Vasco, Castela e León, Madrid, Valencia, Cataluña e Baleares, xa comezaron a chegar o xoves no que foi a súa xornada non oficial e marcharán pasadas ás 18.00 horas, cando remata a XGN 2016.

A Xuventude Galicia Net, a cal contou coa colaboración da Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, destacou nesta edición por incluír importantes melloras e numerosas novidades respecto ao ano pasado. Así, en canto á conectividade, a velocidade da conexión duplicouse, pasando de 1 a 2GB, e deixou de ser por radioenlace para pasa a fibra, o que optimizou a experiencia de xogo dos asistentes. Respecto ao seu programa, incrementouse considerablemente o número de propostas e novidades e tamén os premios nas súas competicións, ademais de mellorarse a animación, especialmente nocturna, en resposta á demanda dos participantes da pasada edición.

Todas estas melloras foron recibidas moi positivamente polos asistentes, acadando ademais gran éxito as innovacións incluídas na programación. Unha boa resposta que foi parella á satisfacción da maioría de participantes nesta edición da XGN.

Unha completa proposta

Nesta convocatoria foi salientable o amplo programa de actividades da party, no que destacaron as competicións da Intranet, as cales repartiron premios valorados en máis de 6.500€, o que superou en máis do 60% o valor dos da pasada edición. Incluíron cinco torneos oficiais centrados nos populares videoxogos Fifa 2016, Counter Strike-Global Offensive (Cs Go), Rocket League, League of Legends (LoL) e Hearthstone, e tres non oficiais, de Overwatch, Heroes of the Storm e Dota 2, os cales remataron entre a pasada madrugada e esta mañá.

As restantes  competicións exclusivas para inscritos foron propostas moi diversas, tales como un concurso de seguridade informática, un de preguntas e respostas sobre informática e videoxogos ou unha xincana.

A estas actividades da Intranet sumáronse moitas situadas na área Extranet do evento, a cal foi de acceso libre tanto para os inscritos como para todo tipo de visitantes.Entre moitas outras, houbo zona de ordenadores e de consolas, canchas deportivas, campo de paintball e pista de karting, unha zona  orientada a xogos con coches teledirixidos, un circuíto de minidrones para superar obstáculos, futbolíns, pimpón, air hockey, frisbie, xadrez,  tiro con arco olímpico, talleres de maquillaxe zombie, billar xigante, concursos de pelexas de robots e de creación de disfraces, visita das personaxes de Star Wars ou conferencias sobre temas como os e-sports, os xogos Pokémon e Hearthstone ou a creación de videoxogos.

Ademais deste completo programa, a party contou cunha pequena zona expositiva complementaria na que estiveron presentes varias empresas que ofreceron, entre outros produtos, material informático, artigos personalizados, videoxogos, cómics, figuras de colección, xogos de mesa, merchandising e outros produtos de gran orixinalidade.   

Visita do Conselleiro de Política Social

A Xuventude Galicia Net 2016 contou esta mañá coa visita do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, quen percorreu a party e intercambiou impresións con algúns dos participantes. Así mesmo, o conselleiro fixo entrega dos premios dos torneos oficiais e non oficiais do evento aos gañadores dos mesmos.

>>> Fotografías do Xuventude Galicia Net 2016

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal