A feira forestal Galiforest Abanca pecha a súa maior edición cunha afluencia de 5.800 visitantes


Silleda, 2 de xullo de 2016.- O IV Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa, Galiforest Abanca 2016, que se celebrou dende o xoves ata hoxe no monte e  instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), pechou as súas portas cunha afluencia de 5.800 persoas, o que supón a maior cifra de visitantes ao certame ata o momento e un 5,4% máis respecto á anterior edición. Entre o público desta convocatoria, que destacou polo seu perfil profesional e, polo tanto pola súa calidade, rexistráronse visitantes de numerosas comunidades españolas, entre elas Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Castela e León, Madrid e Cataluña. Así mesmo, a feira contou coa presenza de visitantes doutros países, principalmente de Portugal, pero tamén de Italia, Alemaña, Suecia ou Finlandia.

O certame, organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA, contou coa participación de 180 firmas expositoras de 18 países, das cales 56 foron expositores directos e 124 foron indirectos representados por estes. Unha participación que supuxo un 34% máis de firmas que na pasada edición, cando foran 134, e un 27% máis de expositores directos, xa que en 2014 eran 44. Estas empresas ocuparon unha superficie neta de 9.578 m², o cal supuxo un 70% máis que na anterior convocatoria, cando foran 5.639 m². Estas cifras converteron a Galiforest Abanca 2016 na maior edición celebrada ata o momento tanto en superficie expositiva como en número de empresas e firmas presentes, ademais de supoñer un importante paso para constituírse como a principal feira do sector forestal de España.

Galiforest Abanca contou coas máis importantes firmas en explotación forestal, primeira transformación e aproveitamento da biomasa, que respaldaron así unha feira que contou co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e a súa dirección xeral de Ordenación e Produción Forestal. Estas empresas amosaron unha gran variedade e numerosas novidades en maquinaria forestal, repostos, accesorios e sistemas, ademais de servizos e plantas forestais.

A esta exposición uniuse un completo programa de actividades, convertendo á feira nun centro de negocios, escaparate de novidades e foro para a posta en común e a análise sectorial, e na mellor localización posible para unha feira forestal, o monte.

Con todo isto, a satisfacción foi xeralizada entre os visitantes e tamén entre a maioría de expositores, tanto polo crecemento da feira como polo seu desenvolvemento durante os seus tres días.

Demostracións, xornadas e entrevistas
O certame acolleu un atractivo programa de actividades, entre as que tiveron un lugar destacado as máis de 100 demostracións de maquinaria, entre outras, de procesadoras forestais e de leña, tractores, astilladoras, escavadoras, autocargadores, debrozadoras e robots de desbrozado, raxadoras de leña, aserradoiros portátiles, astilladoras de biomasa, descortezadoras, trituradoras, fresadoras de solo, destoconadoras ou discos subsoladores, ademais doutras de afiado de motoserras e de manexo destas máquinas.  Ademais realizáronse outras de carácter lúdico, de figurismo (elaboración de esculturas en madeira con motoserra) e tamén do coñecido como deporte da madeira.

Tamén tiveron un papel importante as xornadas técnicas, as cales acolleron máis de vinte conferencias con contido de gran interese que abordaron, entre outros temas, a ordenación e protección forestal,  a xestión forestal, certificación FSC e innovación, a formación, investigación e transferencia no sector, a produción da castaña e a I.X.P Castaña de Galicia, o Plan Forestal de Galicia, a importancia da cadea de valor no sector ou a seguridade con motoserra e desbrozadora.  Ademais, realizáronse diversas presentacións de proxectos galegos, como a Asociación Galega de Leñadores ou unha plataforma online de compra-venda de lotes de madeira.

Por outra banda, por primeira vez o certame celebrou o Job Day Forestal, cuxo obxectivo se centraba en fomentar o emprego transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal no sector forestal. Consistiu na realización de reunións entre empresas forestais e profesionais con diversos perfís, ofertándose 14 postos de traballo. De forma paralela tamén se celebraron dous workshops temáticos, centrados no mercado laboral transfronteirizo e no sector forestal como motor de crecemento no período de financiamento 2014-2020.

Innovación Tecnolóxica
Galiforest Abanca 2016, no seu obxectivo de contribuír ao fomento do I+D+i no sector, celebrou o seu Concurso de Innovación Tecnolóxica, ao cal se presentaron 9 proxectos que foron avaliados por un xurado de seis expertos pertencentes a distintos ámbitos. Nesta edición o primeiro premio foi para o sistema de control de intelixencia da grúa IBC en autocargador John Deere, presentado pola empresa Guifor, sendo as dúas mencións concedidas para o subsolador de disco de Seppi M. Península Ibérica e para o cabezal talador de serra AFM 220FH presentado por Forest Pioneer.

Visita hoxe do presidente da Xunta de Galicia

O monográfico recibiu esta mañá a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen percorreu a área expositiva desta cuarta edición e presenciou algunha demostración. Na visita estivo acompañado polo vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Alfonso Rueda, e tamén polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto.

Galiforest Abanca contou tamén con presenza institucional os dous primeiros días, recibindo onte a visita da Conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez e tamén do director xeral de Ordenación e Produción Forestal, quen acudira xa o primeiro día.

  >>> Fotos da feira en alta calidade

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal