Equina 2016 reúne dende mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA a máis de 200 exemplares equinos en tres importantes probas


Silleda, 16 de xuño de 2016.- O evento ecuestre Equina 2016, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Federación Hípica Galega e a Fundación Semana Verde de Galicia, reunirá a partir de mañá pola mañá e ata o domingo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra) a máis de 200 exemplares equinos de distintos puntos de España.

O concursos estrela deste evento será o II Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, un concurso morfofuncional no que participarán 160 exemplares de numerosas puntos da comunidade galega e tamén de Toledo, Madrid, Segovia, Ávila, Salamanca, Valladolid, León, Cantabria, Asturias, Zamora e Badaxoz. Estas cifras, que supoñen un 23% máis de animais que na pasada edición, converten a este Campionato no de maior participación no norte de España. Un éxito de concorrencia que tamén ten o seu reflexo no alto nivel das ganderías que compiten, con algunhas como a Yeguada Centurión, unha das máis importantes de España.

Este concurso, celebrado baixo o regulamento da Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE), será clasificatorio para a final do campionato do mundo que se celebrará do 15 ao 20 de novembro en Sevilla, no Salón Internacional del Caballo (SICAB). Comezará mañá en torno ás 10.00h, adiantándose respecto á pasada edición, cando comezara pola tarde, debido ao incremento no número de inscritos e a consecuente  necesidade de maior tempo para desenvolver todas as súas seccións de poldros, poldras, eguas e sementais.

O obxectivo desta proba é contribuír ao fomento, conservación e expansión da pura raza española, facilitando aos gandeiros e criadores a mellor selección dos seus animais, ademais de impulsar en Galicia a adquisición de reprodutores.

Doma, enganches e bautismo hípico

Ademais dest II Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, Equina 2016 acollerá a XVIII Copa de Doma ACCEGA, no que está prevista a participación de máis de 40 binomios (cabalo e xinete ou amazona) de Galicia, Ávila e Salamanca. Celebrarase o domingo pola tarde e as probas desenvolveranse en practicamente todos os niveis, dende o 1, no que compiten os máis pequenos, ata o San Jorge, considerado de alta competición.

Por outra banda, o sábado pola tarde terá lugar o I Concurso de Enganches Open-Indoor de Galicia, a cal será a primeira proba de Enganches que se celebra na comunidade debido ao crecemento do número de afeccionados galegos e das demandas de licencias de enganche, que levou á Federación Hípica Galega a crear unha vogalía federativa desta modalidade deportiva en auxe. Competirán 12 equipos das catro provincias galegas nas categorías de Limonera, cun cabalo, e Tronco, con dous cabalos.

Así mesmo, o programa incluirá algunhas exhibicións tanto con cabalos de pura raza española como con enganches, ademais de bautismo hípico. Esta última actividade, coñecida como Poni Club, levarase a cabo coa colaboración da Concellería de Deportes de Silleda. Terá lugar durante as tardes do sábado e o domingo e dirixirase aos nenos dos centros escolares do municipio, moitos dos cales vivirán a súa primeira experiencia a cabalo dirixidos por coidadores técnicos en equitación e tamén xinetes-profesores.

Catro pistas

Debido ao crecemento de Equina 2016, nesta edición habilitaranse catro pistas distintas para poder desenvolver todas as actividades previstas. Así, o ring verde dividiranse en dúas área para acoller, nunha delas o concurso morfofuncional e a doma clásica, e noutra a competición de enganches. A elas sumarase a pista de quecemento anexa, a cal tamén será moi vistosa ao realizar os distintos cabalos estiramentos e movementos, e ademais a pista para o Poni Club, situada próxima ao ring.

As actividades deste evento complementaranse coa presenza dalgunhas empresas de guarnicionería e roupa, ademais de servizo de restauración.

A entrada a Equina 2016, que a organización pretende que ademais de ser un evento técnico sexa tamén atractivo aos afeccionados aos cabalos de todas as idades, será gratuíta, sendo tamén libre o acceso aos aparcadoiros do recinto habilitados para esta ocasión.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal