A Feira Internacional de Galicia ABANCA convértese no primeiro recinto feiral galego con app propia


Silleda, 21 de maio de 2016.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acaba de poñer en marcha a aplicación para móbiles e tablets “Feira Internacional de Galicia ABANCA”, que permitirá aos seus usuarios informarse de todas as actividades programados no recinto.

Esta app, que se pode instalar de forma gratuíta tanto en dispositivos Android como iPhone, é a primeira propia e xenérica para todos os seus eventos que realiza un recinto feiral galego.

Conta cun calendario que inclúe todos os eventos organizados pola entidade, contendo cada un deles datos de interese tanto para empresas como para profesionais ou público xeral que acudan como visitantes, como programa do evento, listado de expositores, horarios, planos, material audiovisual e todo tipo de información complementaria.

Dispón tamén dun botón de localización que conecta con Google Maps para guiar ao usuario dende a súa posición ata o recinto ou o lugar de celebración dalgún evento que no ten lugar nel, como a feira forestal Galiforest Abanca, que a Feira Internacional de Galicia ABANCA desenvolve no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Segude, en Boqueixón.

Así mesmo, conta cun sistema de mensaxería mediante a cal a entidade feiral avisará aos seus usuarios da celebración de todas as súas actividades nos días previos ás mesmas e realizará recordatorios.

A aplicación, que xa está plenamente operativa, promocionarase nos distintos soportes da Feira Internacional de Galicia ABANCA, como folletos ou páxina web.

Elaborada polo propio persoal

Con esta app a Feira Internacional de Galicia ABANCA pretende ampliar os servizos que ofrece tanto aos seus clientes como aos seus potenciais visitantes, apostando polas novas tecnoloxías. Ademais, a súa posta en marcha suporá un aforro en custes de impresión de material gráfico dos distintos eventos.

A aplicación foi realizada polo propio persoal da entidade feiral, o que fará que esta estude a posibilidade de prestar o servizo de elaboración de apps a outras entidades ou empresas, favorecendo a súa innovación tecnolóxica.

>>> Descarga aquí a aplicación

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal