Máis de 8.000 persoas desfrutaron este Nadal na Feira Internacional de Galicia ABANCA do parque de atraccións Silleda Park


    • OS VISITANTES PROCEDERON DE MÁIS DE 90 CONCELLOS DISTINTOS, SENDO EN TORNO A UN 77% DE FÓRA DE SILLEDA, UN 55,2% DE FÓRA DA COMARCA DO DEZA E UN 43,5% DE FÓRA DE DEZA E TABEIRÓS-TERRA DE MONTES
    • ADEMAIS DE NUMEROSAS ATRACCIÓNS ACOLLEU A ACTUACIÓN DE PANORAMA KIDS, EL SHOW DE LOS PAYASOS, A CABALGATA DE REIS DE SILLEDA E EXHIBICIÓNS DEPORTIVAS

Silleda, 8 de xaneiro de 2016.- Máis de 8.000 nenos e adultos desfrutaron este Nadal na Feira Internacional de Galicia ABANCA do parque de atraccións Silleda Park, o cal se celebrou durante once días que se distribuíron en tres tramos, do 17 ao 20 e do 25 ao 27 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro.

En canto á procedencia destes visitantes, acudiron de máis de 90 concellos diferentes, sendo destacable que en torno a un 77% era de fóra de Silleda, un 55,2% de fóra da Comarca do Deza e un 43,5% de fóra das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Neste 43,5% rexistráronse visitantes de localidades próximos a estas dúas comarcas pero tamén doutros non tan cercanos, acudindo moitos deles de lugares como Santiago de Compostela, Ames, Boqueixón, Melide, Arzúa, Negreira, Teo, Vedra, Noia, Ordes, Cerceda, Ribeira, Boiro, Padrón, Moraña, Caldas de Reis, Cuntis, Pontevedra, A Coruña, Ourense e Vigo pero tamén, aínda que en menor medida, doutros como Pobra do Caramiñal, Carballo, Chantada, Miño, Valga, Vilagarcía ou Lugo.

Segundo estes datos, obtidos na taquilla do evento, os concellos que aportaron maior número de visitantes foron Silleda, co 23%, Lalín co 16%, A Estrada co 8,6%, Santiago co 5,2%, Melide co 4,7% e Vilas de Cruces co 4%.

Os asistentes tiveron unha ampla oferta de atraccións, cun saltamontes, unha pista de coches, un dragón, unha olla, un tiovivo, un barco, un tirachinas e diversos inchables (futbolín humano, búfalo, tobogán xigante, etc), ás que se sumaron pistas de fútbol, baloncesto e karting e tamén trece máquinas recreativas.

Ademais, leváronse a cabo diversas actividades, como espectáculos de gran vistosidade. Así, o día da súa inauguración o parque acolleu a actuación de Panorama Kids, un musical ao cal asistiron máis de 300 persoas, mentres que o día 26 de decembro El Show de los Payasos reuniu a máis de 1.000 persoas.

A eles sumáronse exhibicións deportivas, como as de Kung Fu e Zumba realizadas por profesores e alumnos das Escolas Deportivas de Silleda ou as de Zumba Batudance, de Pobra do Caramiñal, e tamén outras propostas como a Cabalgata de Reis de Silleda, que incluíu chocolatada  con churros gratuíta.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal