A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 9 ao 11 de setembro a 16ª edición da party informática Xuventude Galicia Net


    • O XGN MANTERÁ A SÚA FORMULACIÓN, CUNHA ZONA INTRANET DESTINADA AOS INSCRITOS E OUTRA EXTRANET PARA TODO TIPO DE VISITANTES, OFRECENDO EN AMBAS UNHA COMPLETA PROPOSTA DE ACTIVIDADES
    • POTENCIARASE A SÚA ÁREA EXPOSITIVA COMPLEMENTARIA PARA CONTAR COA PRESENZA DE EMPRESAS DE INFORMÁTICA E OCIO ELECTRÓNICO

Silleda, 23 de decembro de 2015.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 9 ao 11 de setembro de 2016 a décimo sexta edición da party informática Xuventude Galicia Net (XGN). A entidade feiral organiza así por segundo ano este recoñecido evento impulsado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, grazas aos bos resultados acadados no recinto na pasada edición.

O Xuventude Galicia Net manterá en 2016 a súa formulación. Así, contará cunha área Intranet orientada a inscritos, os cales poderán desfrutar de forma ininterrompida durante tres días dun posto con conexión de altas prestacións para o seu equipo informático e terán dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a participar  en numerosas actividades e torneos exclusivos. Poden participar nesta zona persoas de todas as idades.

Á Intranet unirase de novo a Extranet, un área que acollerá un completo programa con multitude de actividades á que poderán acceder tanto os inscritos coma os visitantes que acudan ao recinto. Ademais, esta party volverá a contar cun espazo expositivo complementario, o cal se potenciará nesta edición para contar coa presenza de empresas e entidades do sector da informática e o ocio electrónico.

Pasada edición

O XGN 2015, o cal se celebrou do 18 ao 20 de setembro e por primeira vez no recinto feiral, contou coa participación de cerca de 800 inscritos, procedentes na súa maioría de Galicia pero tamén de Asturias, País Vasco, Castela e León, Madrid, Valencia e Andalucía. Moitos deles subliñaron a comodidade da nova ubicación pola amplitude de espazo dispoñible tanto para os postos como para a zona de acampada.

Destacou a boa resposta dos participantes e unha intensa actividade durante a súa celebración, a cal quedou patente en aspectos como o rexistro nalgún momento da party de 920 IPs conectadas ao mesmo tempo, unha cifra que ademais reflexa a capacidade coa que contaba cada un dos postos para empregar varios equipos e consolas á vez. Tamén foi salientable o completo programa do XGN, con máis de 30 actividades distintas, das que catorce foron torneos exclusivos para os inscritos e as restantes estiveron abertas a todos os visitantes.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal