- • O DIRECTOR XERAL DE ORDENACIÓN E PRODUCIÓN FORESTAL DA XUNTA DE GALICIA PRESIDIU ESTE ENCONTRO, NO QUE ESTIVERON PRESENTE REPRESENTANTES DE 25 IMPORTANTES EMPRESAS E COLECTIVOS DO SECTOR
• O MONOGRÁFICO CELEBRARASE DE NOVO NO MONTE E INSTALACIÓNS DO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE, UN LUGAR REAL DE TRABALLO CON MAGNÍFICOS ACCESOS, INFRAESTRUTURAS E COMUNICACIÓNS
Silleda, 20 de novembro de 2015.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA celebrará o seu monográfico forestal Galiforest Abanca do 30 de xuño ao 2 de xullo de 2016. Así o decidiu o seu Comité Organizador, o cal se reuniu esta mañá nas oficinas do recinto feiral para fixar estas datas e comezar a perfilar aspectos relativos ao desenvolvemento da que será a cuarta edición do certame.
Deste modo a organización pon en marcha una convocatoria na que se pretende dar continuidade ás boas cifras da anterior edición deste certame, a cal contou con 134 firmas expositoras de 16 países, das cales 44 foron expositores directos e 90 indirectos, e ocupou unha superficie neta de 5.639 metros cadrados. Unhas cifras que reflectiron un 44% máis de firmas que na edición de 2012, un 10% máis de expositores directos, un 27% máis de espazo ocupado e un 10% máis de visitantes, ao ascender a 5.500 persoas.
A reunión do Comité Organizador estivo presidida polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto Juanas, quen destacou que Galiforest Abanca é o principal referente en maquinaria forestal no norte de España e que “entre todos” se está conseguindo que sexa “un punto de referencia a nivel nacional”, ademais de comezar “a ter influencia na veciña Portugal”. Así mesmo, subliñou que dende a Xunta de Galicia non so “se mantén ou renova” o apoio a este certame, senón que “se impulsará esta feira en 2016”.
O director xeral estivo acompañado por representantes de 25 empresas e colectivos con gran peso no sector forestal que apostan polo evento. Así, tiveron presenza as firmas Andreas Stihl, Forest Pioneer, Industrias Guerra, Guifor, Hidráulica de Barro, Hitraf, Viveros Forestales Mañente, Servitec Medioambiente, Intergraciones Técnicas de Seguridad, Logmax Ibérica, Recambios Frain, Rial- Secagal e Abanca, e as entidades Clúster da Madeira de Galicia, Pefc Galicia (Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal), Silvanus (Asociación Profesional de Selvicultores), Consello Regulador da I.X.P Castaña de Galicia, Asociación Forestal de Galicia, Asefoga (Asociación Sectorial Forestal Galega) Serfoga (Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia), Asemfo (Asociación Nacional de Empresas Forestales), Gain (Axencia Galega de Innovación), Sociedad Española de Ciencias Forestales, CFEA Sergude (Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Segude) e Escola de Enxeñería Forestal – Universidade de Vigo. Desculparon a súa asistencia pero amosaron o seu respaldo ao certame outras moitas entidades e empresas.
Na reunión tamén estivo presente un equipo de traballo da Fundación Semana Verde de Galicia, encabezado polo seu director, Ricardo Durán.
No transcurso do encontro, ademais de fixar a data de celebración, analizáronse os resultados da pasada edición do monográfico e aportáronse propostas de cara a esta nova convocatoria.
O monográfico
Galiforest Abanca celebrarase novamente no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (no concello de Boqueixón, próximo a Santiago de Compostela).
Este monográfico volverá a combinar así a súa excelente localización nun lugar real de traballo cunha formulación que incluirá unha ampla área expositiva que será escaparate do último en explotación forestal e un interesante programa de xornadas técnicas.