
• ESTE MEDIODÍA REALIZÁRONSE AS ENTREGA DE PREMIOS DOS DOUS CONCURSOS CENTRAIS DESTE EVENTO ECUESTRE, O INTERNACIONAL MORFOFUNCIONAL DE CABALOS ESPAÑOIS DE GALICIA – ANCCE E O III AECCA DE GALICIA
Silleda, 21 de xuño de 2015.- Equina 2015, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) e a Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA), remata hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA tras tres días de competicións e actividades e a participación de 241 exemplares equinos de pura raza española e árabe.
Este mediodía entregáronse os premios das dúas competicións centrais deste evento ecuestre, o Concurso Internacional Morfofuncional de Cabalos Españois de Galicia –ANCCE e o III Concurso AECCA de Galicia, morfolóxico de pura raza árabe e categoría nacional.
En canto ao Concurso de pura raza española, clasificatorio para a final do Campionato de España que se celebrará no marco do salón SICAB (en Sevilla do 17 ao 22 de novembro), o Campión do Concurso en machos foi Kiko XXIV , da gandería Santos Pereira (Ponte Caldelas - Pontevedra) e a Campiona do Concurso en femias foi Rabiosa Ram, da gandería Arturo Fernández de la Vega Senra (Lugo), mentres que os Subcampións foron, en machos, Gracioso D, da Yeguada Swen Uwe (Xinzo de Limia – Ourense) e en femias Atrevida MIBXI, de Yeguada Torreluna (Sevilla).
En canto aos Campións Xóvenes foron, en femias, Pajarita XIX, da gandería Francisco Patiño Barreiro (Vilagarcía de Arousa - Pontevedra), e en machos Argot de Vida, de gandería Villanueva Dacasa (Santiago de Compostela). Os Subcampións Xóvenes foron Aruba AM en femias, de Yeguada Antonio Moreta (Toledo), e Querello de la Vega en machos, da gandería Arturo Fernández de la Vega Senra
No marco deste concurso, no que participaron 130 exemplares de distintos puntos de España, o Mellor Cabalo en Galicia foi Gaucho SC, de Finca El Rocío (Oza dos Ríos - A Coruña), sendo o Mellor Egua Nacida en Galicia Yaca XI, da gandería Arturo Fernández de la Vega Senra.
Os campións de Mellores Movementos foron os exemplares Salvador RJ, de Yeguada Swen Uwe, en Adultos, e Molinero FS, de Yeguada Arroyomonte (Ávila), en Xóvenes. O Campión de Funcionalidade foi Kiko XXIV, da gandería Santos Pereira, sendo o Subcampión o exemplar Gracioso D, da Yeguada Swen Uwe.
En canto á Mellor Gandería e Mellor Expositor acadaron este recoñecemento, respectivamente, a Yeguada Antonio Moreta e Yeguada Swen Uwe. O Mellor Presentador foi Ignacio Romero, da gandería Swen Uwe, mentres que o Mellor Presentador Junio foi Martín Neira, da gandería Javier Neira (Santiago de Compostela).
III Concurso AECCA de Galicia
En canto á competición de cabalos de pura raza árabe, proba morfolóxica de categoría nacional no que participaron 44 exemplares das catro provincias galegas, o Best in Show, é dicir, o mellor exemplar con maior puntuación de todo o Campionato foi Abha Rawa, propiedade da Yeguada Laba (Porto do Son – A Coruña). En canto ao Mellor Exemplar nacido en Galicia con máis alta puntuación foi Arab is Layla, de “Is Arabians” (Mos – Pontevedra)
Por outra banda, a Mellor Egua e o Mellor Semental Nacidos en Galicia foron, respectivamente, Mar Iris, de Yeguada Martínez (Portas-Pontevedra) e Chango FA, de Fermosas Arabian (Piñor - Ourense), mentres que o Mellor Poldro e Poldra nacidos na Comunidade foron o poldro J.L Darwin, propiedade de Javier Lapido Casal (Brión), e a poldra Araba is Layla, de “Is Arabians.
O premio ao Mellor Pure Spanish recaeu, en machos, en Milloc, e en femias en Mar Donicella, ambos propiedade da Yeguada Martínez. O galardón Mellor Puro Exipcio Macho foi para Towm Ahmed, de Leyenda Arabians (Pontevedra) e o premio aos Mellores Movementos conseguiuno Abha Rawa, propiedade da Yeguada Laba.
Probas de doma clásica
Respecto á Copa ANCCE de doma clásica, tamén clasificatoria para a final nacional que terá lugar no salón SICAB e celebrada onte no marco de Equina 2015, participaron 17 binomios (cabalo-xinete) de Valladolid, Salamanca e Madrid, acadando a maior puntuación o composto polo xinete castelán-leonés Iván Seco e o seu exemplar Estudioso XLIV.
En canto á Copa ACCEGA de Clubs Galegos, esta competición tamén de doma clásica na que participan 27 binomios de distintos puntos de Galicia, comezou esta mañá e seguirá desenvolvéndose ao longo desta tarde.
Ademais destes catro concursos, Equina 2015 tamén contou estes días con outras actividades paralelas, como bautismo hípico para nenos e un espectáculo de carrusel con cabalos de pura raza española a cargo de “Cequs Veiguiña”





