- REVALIDARÁ ASÍ A SÚA CONDICIÓN DE MAIOR CERTAME MULTISECTORIAL DE MOSTRAS E OCIO DO NOROESTE PENINSULAR, CUXA ENTRADA SERÁ GRATUITA POR SEXTO ANO CONSECUTIVO
- SERÁ INAUGURADA MAÑÁ AS 17.30 H POLO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA
Silleda, 10 de xuño de 2015.- A FEIRA INTERNACIONAL ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA abre mañá as portas da súa 38ª edición coa presenza de 500 expositores directos, máis de 150 actividades distintas e unha superficie de ocupación de 70.480m².
A feira será inaugurada ás 17.30 horas de mañá polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen estará acompañado no acto polo vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán; o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e doutras autoridades.
En canto á área expositiva desta edición, a participación xeral é moi similar á da anterior, xa que a maioría dos expositores que restan ata os 600 presentes en 2014 correspóndense, por unha parte, cos Concellos participantes na feira Festur, que o ano pasado se celebrou de forma paralela á SEMANA VERDE e este ano trasladouse ao salón de turismo Turexpo Galicia, e, por outra parte, coas empresas e ganderías do sector equino, que este ano se trasladarán ao evento Equina 2015, o cal se celebrará no recinto do 11 al 14 de xuño. A diversidade será o sinal de identidade da exposición da ABANCA SEMANA VERDE 2015, estando presentes dende biomasa, gandería, mascotas e pequena maquinaria para agricultura de fin de semana e xardín ata decoración e mobiliario, antigüidades e artesanía, ademais da presenza de moitos outros tipos de produtos e servizos e dos sectores correspondentes aos certames paralelos: SALIMAT ABANCA, 19º Salón de Alimentación do Atlántico; e FECAP ABANCA, II Feira de Caza, Pesca e Natureza.
Unha completa oferta á que se unirá un programa formado por máis de 150 actividades distintas dos máis variados ámbitos.
Exposición e actividades ocuparán unha superficie de 70.480 metros cadrados, un 3,2% máis que na pasada edición. Neste sentido destaca a recuperación de espazos do recinto para o certame iniciada xa na pasada edición e que nesta feira se materializan en lugares como o lago, o cal se reestreará na feira grazas ao labor de acondicionamento deste espazo que está a desenvolver a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia.
Con todo elo a feira ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA revalidará a súa condición de maior feira multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular, á cal os visitantes poderán acceder de forma gratuíta por sexto ano consecutivo. Soamente se abonará o aparcadoiro, que terá un módico prezo de 2€ destinados a incrementar a calidade do programa de actividades da feira.
Certames paralelos
O 19º Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA 2015, converterase un ano máis en plataforma de negocio para as empresas presentes na área expositiva e nun escaparate de produtos de calidade, artesáns, gourmet e innovadores
Os seus Encontros Nacionais e Internacionais de Compradores, realizados co apoio do IGAPE co obxectivo de contribuír á internacionalización das empresas presentes, contarán coa presenza de 28 importadores, distribuidores e restauradores de 14 países, que serán EE.UU, México, Brasil, Colombia, Panamá, Xapón, China, Rusia, Marrocos, Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia e España. Unhas cifras que supoñen o dobre de compradores e tamén de países de procedencia que na edición de 2014 e que darán o dobre de oportunidades comerciais ás empresas expositoras que se reúnan con eles a través de reunión axendadas.
Por outra banda, o Salón concederá gran importancia á innovación, con Alinova, unha área específica de novos produtos na que están presentes 40 alimentos de gran orixinalidade, como cervexa con chile, sidra natural elaborada con 21 variedades de mazá ou o pack denominado Merenda Galega que inclúe viño Albariño, galletas mariñeiras con algas e patés de centolo e nécora.
En canto a FECAP ABANCA, respaldado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza e outras moitas entidades do sector, a súa área expositiva contará coa presenza de numerosas empresas e institución que se ubicarán nesta ocasión no pavillón 3 do recinto, co obxectivo de potenciar o seu carácter monográfico. A esta mostra comercial unirase un completo programa de propostas para ver ou participar.
Máis de 150 actividades distintas
A gran diversidade da Semana Verde tamén se reflicte no seu completo programa de actividades. Estará formado por máis de 150 distintas nas que se incluirá numerosas novidades.
O programa de FECAP ABANCA destacará polo seu número de propostas, con cerca de 50 actividades distintas, entre as cales figurarán exhibicións, demostracións, talleres, cursos, concursos e xornadas técnicas, de caza, pesca e natureza. Uniranse a elas a II Feira de Cans de Caza, na cal participarán en torno a 250 cans.
Pola súa banda, SALIMAT ABANCA ademais dos Encontros de Compradores e a área Alinova, contará con 40 actividades distintas para profesionais e público xeral, entre elas numerosas catas e degustacións, talleres, xornadas técnicas, actividades didácticas, reunións sectoriais e restaurantes centrados nas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción.
As actividades caninas serán tamén moi numerosas, ofrecendo a posibilidade de desfrutar de competicións de axilidade e beleza, exhibicións de pastoreo e perruquería canina ou xornadas sobre reprodución e alimentación. Tamén haberá propostas equinas como escola infantil de monta de ponis, presentacións en pista do cabalo de pura raza galega ou o Campionato Galego de Andadura.
A área de gandería tamén contará cun completo programa, centrado nas razas autóctonas galegas en perigo de extinción e conformado por varios concursos morfolóxicos, exposicións comerciais, exhibición de “aloitadores” e diversas xornadas técnicas sobre aspectos de interese das distintas razas. Ademais, tamén estará presente neste programa a raza rubia galega cunha exposición.
O programa completarase con outras actividades de gran interese, como o espectáculo de motor de Paulo Martinho, o cal é único no mundo, exhibicións de talla en madeira, talleres e exhibicións de Star Wars, actuacións musicais ou a I Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, na cal os participantes se poden inscribir ata o día 11 de xuño ás 20:00 horas na web www.carreirasgalegas.com.





