A I Feira da Enerxía de Galicia celebrarase do 14 ao 16 de abril


  • A NOVA DATA FÍXASE PARA REFORZAR A FEIRA, BUSCANDO CONVERTELA NUN REFERENTE DE CARÁCTER NACIONAL

Silleda, 15 de outubro de 2015.- A Feira da Enerxía de Galicia celebrará a súa primeira edición na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 14 ao 16 de abril de 2016, en lugar do 5 ao 7 de novembro deste ano, como estaba previsto inicialmente.

A decisión de cambiar a data foi tomada recentemente polo Comité Organizador do certame nunha reunión mantida nas instalacións do recinto feiral, co obxectivo de reforzar a feira buscando convertela nun referente de carácter nacional.

Tras este encontro a Feira Internacional de Galicia ABANCA puxo en coñecemento das empresas e entidades participantes esta decisión e analizou xunto co Comité novas datas posibles en función de diversos factores, establecéndose a do 14 ao 16 de abril. Agora a organización continuará coas accións de comercialización e promoción da I Feira da Enerxía de Galicia, a cal reunirá todos os tipos de enerxía, convencionais e renovables, e a todos os seus axentes.

Relevancia do Comité Organizador


A reunión do Comité Organizador na cal se tomou a decisión de cambiar as datas do certame estivo presidida polo director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, quen destacou a relevancia do Comité Organizador da Feira da Enerxía de Galicia e subliñou a oportunidade que supón o encontro para o sector.  

A importancia do Comité quedou patente no número e a relevancia de asistentes ao mesmo. Así, estiveron presentes 25 representantes de 21 destacadas empresas e entidades do sector enerxético e empresarial como son o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Clúster da Madeira de Galicia, Asociación Forestal de Galicia (AFG), Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), Clúster Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), Clúster Galego do Autoconsumo Enerxético (Agaen), Asociación Eólica de Galicia, Federación Galega de Asociacións Empresariais de Fontanería, Calefacción, Gas, Climatización, Mantemento e Afíns (Fegafon), Federación Galega de Instaladores Eléctricos e Telecomunicacións (Fegasinel), Axencia Galega de Innovación (Gain), Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación e  tamén as empresas Repsol, Iberdrola, Gas Natural Fenosa, Endesa, Reganosa,  Biomasa Forestal, Grupo García Forestal, Setga e Abanca.

Tamén participou nesta reunión o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, e un equipo de traballo da entidade.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal