O Spring Festival ofrece mañá 8 horas de música co debut da orquestra La Fórmula e as actuacións de Gran Casino, Panamá, Alcázar e Nebraska


Silleda, 26 de marzo de 2015.- A Feira Internacional de Galicia acollerá mañá o Spring Festival 2015, o cal reunirá á orquestra La Fórmula no que será o seu debut e tamén a outras catro formacións con importantes novidades para esta tempada, como son Gran Casino, Panamá, Alcázar e Nebraska.

Este evento, organizado por Espectáculos Che Cactus e Troula coa colaboración de Alvar Espectáculos, abrirá a súas portas ás 21:30 horas e comezará ás 22.00 horas, rematando pasadas as 06:00 horas.

O Spring Festival iniciarase cun pequeno pases de 45 minutos de Gran Casino, Panamá, Alcázar e Nebraska, aínda que a súa orde de actuación está sen concretar. Estas formacións amosarán o máis importante do seu repertorio, con novos temas, espectáculos e compoñentes.

A continuación será a quenda de La Fórmula, que fará un pase de entre unha hora e media e dúas horas na que será a súa primeira actuación. Nesta presentación os asistentes poderán coñecer o seu plantel, cunha dianteira que conta cunha destacada traxectoria en importantes orquestras, o seu espectáculo e as súas magníficas infraestruturas, como o seu escenario de 30 metros de fachada. Dende La Fórmula, Miguel Caldas destaca a “amplitude e comodidade” da ubicación do evento, mentres que en canto á súa actuación sinala que a formación, con 15 persoas encima do escenario, interpretará mañá unha parte do seu gran repertorio,  a cal “se adaptará ao público que acuda”.

Ao remate de La Fórmula actuarán de novo as outras catro formacións, con pases de outros 45 minutos. Todas as orquestras e grupos contarán cos seus propios escenarios, polo que o pavillón albergará un total de cinco.

Entrada gratuíta e espazo climatizado

A entrada ao evento será gratuíta e contará con todas as comodidades que ofrece o pavillón 1 do recinto Feira Internacional de Galicia, que permitirá aos asistentes desfrutar do espectáculo nun espazo pechado de grandes dimensións e climatizado. Ademais, disporá de servizo de restauración no interior.

O Spring Festival 2015 é a primeira cita dun evento que ten vocación de continuidade e pretende seguir celebrando convocatorias na Feira Internacional de Galicia.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal