O Spring Festival 2015 reunirá o venres na Feira Internacional de Galicia á orquestra revelación La Fórmula no seu debut e a outras catro formacións


Silleda, 25 de marzo de 2015.- A Feira Internacional de Galicia acolleu esta mañá a presentación do evento musical Spring Festival 2015, o cal reunirá o venres no pavillón 1 do recinto feiral á orquestra La Fórmula no que será o seu debut, e tamén a outras catro formacións con importantes novidades para esta tempada, como son Gran Casino, Panamá, Alcázar e Nebraska.

Na presentación participaron Jorge Silva, un dos promotores do festival, e José Antonio Alvar, representante das orquestras e grupos, os cales detallaron horarios, pases e distintos aspectos das formacións participantes.Neste sentido Alvar destacou que o motivo central de esta cita musical é a presentación de La Fórmula na que será a primeira actuación desta orquestra galega conformada por unha dianteira cunha destacada traxectoria en importantes orquestras, a cal espera sexa “unha das primeiras a nivel tanto de Galicia como de España” e que conta cun dos “escenarios máis grandes do mercado nestes momentos, con 30 metros de fachada”. Ademais, subliñou que tamén as outras formacións, xa con traxectoria, presentarán “cambios e novidades importantes en canto a repertorio e formacións” para esta nova tempada.

Tamén estivo presente Yanko Tortoló, vocalista e percusionista de Alcázar, quen apuntou que a súa formación presentará un espectáculo con “repertorio renovado e xente nova”.

Por outra banda Ricardo Durán fixo fincapé en que con este evento a Fundación da un paso máis de cara a “consolidar o pavillón 1 como escenario ideal para espectáculos musicais” e en que non é o único, xa que o recinto dispón tamén como espazos idóneos para estes eventos do ring hípico e o triángulo central, tendo este último “unha das maiores capacidades de Galicia para albergalos”.  Así mesmo,  subliñou que esta cita ten unha significación especial, xa que se trata dunha das primeiras veces que uns emprendedores alugan un espazo para facer un espectáculo, ao tempo que indicou que ademais de organizar os seus propios eventos, a Fundación aposta tamén nesta liña por “abrir o recinto a todos os emprendedores que queiran organizar eventos”

Spring Festival 2015

O Spring Festival, que está organizado por Espectáculos Che Cactus e Troula coa colaboración de Alvar Espectáculos, abrirá a súas portas ás 9:30 horas e comezará ás 22.00 horas. O evento iniciarase cun pequeno pases de 45 minutos de cada unha das formacións que acompañan a La Fórmula, a cal actuará a continuación entre unha hora e media e dúas horas. Logo será de novo a quenda das outras catro formación con pases de outros 45 minutos. Todas as orquestras actuarán nos seus propios escenarios, polo que o pavillón albergarán un total de cinco.

A entrada ao evento será gratuíta e contará con todas as comodidades que ofrece o pavillón 1 do recinto Feira Internacional de Galicia, que permitirá aos asistentes desfrutar do espectáculo nun espazo pechado de grandes dimensións e climatizado. Ademais, disporá de servizo de restauración no interior.

O Spring Festival 2015 é a primeira cita dun evento que ten vocación de continuidade e pretende seguir celebrando convocatorias na Feira Internacional de Galicia.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal