A Feira Internacional de Galicia contará a partir de mañá cunha exposición permanente de maquinaria agrícola de segunda man

Con ubicación en parte do pavillón 3 e na zona exterior anexa, pretende ser un escaparate dirixido aos visitantes da Central Agropecuaria de Galicia, se ben os expositores poderán amosar os seus produtos en calquera outro momento


• ORGANIZARASE EN PARCELAS DE DISTINTOS TAMAÑOS E DISPORÁ DUNHA ZONA COMÚN PARA QUE AS EMPRESAS PRESENTES NESTE ESPAZO PROBEN A MAQUINARIA COS POTENCIAIS CLIENTES

Silleda, 1 de decembro de 2014.- A Feira Internacional de Galicia contará a partir de mañá cunha exposición permanente de maquinaria agrícola de segunda man nas súas instalacións.

Ubicada en parte do pavillón 3 e na zona exterior anexa, estará organizada en parcelas de distintos tamaños que ocuparán en total unha superficie de 2.850m² no exterior e 826m² no interior. Delas xa están reservadas catro, polas empresas Agrícola Castelao, Tecnor Lalín Maquinaria, Hermanos Villar e Maxideza. Destas firmas, tres comezarán mañá a exposición con parte da maquinaria e irán incorporando máis nos vindeiros días e a outra poñerá en marcha a súa mostra a vindeira semana.

A este espazo pódense sumar outras empresas que queiran exhibir as súas máquinas de segunda man, xa que a inscrición estará aberta ata que se ocupen todas as parcelas.

A súa localización está pensada para que esta exposición sexa un escaparate dirixido aos gandeiros e outros participantes que acoden cada martes ás poxas de vacún e mesas de prezos da Central Agropecuaria de Galicia, se ben as empresas presentes poderán tamén amosar as máquinas a persoas interesadas nelas en horario de oficina nos días laborais, e en calquera outro momento previo aviso á Feira Internacional de Galicia. Así mesmo, trátase dun proxecto que podería implementarse nun futuro con poxas da maquinaria informatizadas, como as da Central, si se detecta demanda e se dan as condicións necesarias.

Múltiples vantaxes para as empresas

Esta exposición de maquinaria de segunda man supón numerosas vantaxes para as empresas presentes, xa que ademais de exhibir os seus produtos cada martes ante un público que se corresponde co seu perfil de cliente e que suma cerca de 600 persoas (que varían ou rotan dunha semana a outra), tamén poden mostralos noutro momento que consideren oportuno, coma se fose unha extensión das súas naves comerciais. Así mesmo, todos os expositores disporán dunha zona común para que podan probar a maquinaria cos seus potenciais clientes.

Por outra banda, esta exposición manterase tamén durante os distintos eventos do recinto, trasladándose no caso da Semana Verde de Galicia ao triángulo de maquinaria, no exterior. Esto permitiralles nos certames relacionados co sector primario ser unha parte máis da súa área expositiva.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal