O director da Fundación Semana Verde e o director da Rexión Noroeste de FCC foron os encargados de subscribilo este mediodía nas oficinas do recinto
• MEDIANTE O CONTRATO SUBSCRITO COA COMPAÑÍA A ENTIDADE FEIRAL SOAMENTE DEBERÁ ABOAR 100.000€, UNHA CANTIDADE 40 VECES MENOR QUE A ESTABLECIDA INICIALMENTE NUNHA SENTENZA XUDICIAL DE 2011
Silleda, 10 de novembro de 2014.- Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, e Juan Sanmartín, director da Rexión Noroeste de Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) asinaron este mediodía nas oficinas da Feira Internacional de Galicia un contrato transaccional de recoñecemento, liquidación e compensación de débeda entre a empresa e a entidade feiral.
Trala sentenza favorable á Fundación de 12 de abril de 2012, e mediante este acordo, a Fundación Semana Verde soamente deberá aboar a FCC 100.000€, unha cantidade máis de 40 veces menor que a que tiña que pagar inicialmente de acordo a unha sentenza xudicial de 9 de marzo de 2011, a cal fixaba a cantidade a pagar en 4,4 millóns de euros. O acordo establece, así mesmo, que o pago se realizará en dous prazos. O primeiro farase efectivo no mesmo día da firma, e o segundo pago o 15 de decembro de 2015.
Coa firma do contrato ambas partes poñen fin a un longo desacordo de case dúas décadas pola construción do recinto e dan esta por rematada, quedando constatada a entrega formal das instalacións do recinto construído por FCC á Fundación, así como a súa recepción por parte da entidade feiral nas actuais condicións.
Este acordo, no cal destacou a boa disposición de FCC e no que se traballou intensamente dende a presidencia e a dirección da Fundación Semana Verde de Galicia e tamén dende a asesoría xurídica da Xunta de Galicia, supón o peche definitivo dun proceso xudicial que de prosperar poñía en vilo a viabilidade da Fundación.
