A feira agrogandeira Cimag-GandAgro 2015 cambia a súa data para celebrarse do 19 ao 21 de febreiro

Así o decidiu o seu comité organizador nunha reunión mantida esta mañá no recinto Feira Internacional de Galicia


• O CAMBIO, SOLICITADO POR UNHA PARTE DO SECTOR, SUPÓN UNHA MELLOR ADECUACIÓN AOS INTERESES E NECESIDADES DE TODOS OS ÁMBITOS IMPLICADOS E PERMITIRÁ POTENCIAR A PARTICIPACIÓN DE DETERMINADOS SUBSECTORES
• ESTE CERTAME, QUE XA TEN CONFIRMADO PRETO DO 60% DO ESPAZO MARCADO COMO OBXECTIVO DESTA EDICIÓN, SERÁ O ÚNICO COAS SÚAS CARACTERÍSTICAS NA PENÍNSULA, AO UNIR MAQUINARIA AGRÍCOLA, GANDERÍA E AGRICULTURA

Silleda, 20 de outubro de 2014.-  A Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015, cambia a súa data (fixada do 5 a 8 de marzo) para ter lugar do 19 ao 21 de febreiro, tal e como o decidiu esta mañá o comité organizador do certame nunha reunión mantida na Feira Internacional de Galicia.

O cambio, solicitado por unha parte do sector e considerado axeitado e positivo polos asistentes, supón unha mellor adecuación da data de celebración aos intereses e necesidades de todos os ámbitos implicados e permitirá potenciar a participación de determinados subsectores no certame.

A este encontro acudiron 27 representantes doutras tantas entidade e empresas  destacadas dentro dos ámbitos da agricultura, gandería e maquinaria agrícola. Así, tiveron representación a Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal y de Espacios Verdes (Ansemat), a Asociación Galega de Alimentos Compostos (Agafac), a ADS Porcina de Silleda e a Federación Frisona Galega (Fefriga), e tamén as empresas Ausama, Maxideza, Tecnor Lalín Maquinaria, Kunh Ibérica, Hermanos Villar, Maquinaria Agrícola del Noroeste, Agrícola Castelao, Talleres Moga, Hnos.. Sánchez Pontenova, Imán, Delagro S.COOP. Delaval Equipos, Elmega, Cogal, Grupo Coren, Piensos Nanfor, Gea Farm, Agapel Pelting, Importlait, Protección Verde, Transmedia e Mapfre.

Estes asistentes estiveron acompañados na reunión polo subdirector xeral de Gandería, Jorge Enrique Mourelo, quen presidiu a reunión ao non poder acudir á mesma a presidenta do Comité, a directora xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia, Patricia Ulloa. Así mesmo, tamén participou un equipo de traballo da Feira Internacional de Galicia, encabezado polo seu director, Ricardo Durán.

Confirmado preto do 60% do espazo

Ademais do cambio de data, neste encontro tamén se abordaron outros aspectos de cara a continuar coa organización da feira. Así, analizouse a situación da comercialización do certame, o cal xa ten confirmada a ocupación de preto do 60% do espazo establecido como obxectivo para esta edición. Tamén se abordou o programa de actividades a realizar, sobre o que se destacou a importancia de que as xornadas se centren no futuro do sector.

Cimag – GandAgro 2015, xurdido da fusión do Monográfico da Gandería e a Agricultura (GandAgro) e o Certame Internacional de Maquinaria Agrícola (Cimag), será a maior feira profesional organizada no recinto e a única coas súas características na Península, ao unir nun mesmo espazo e datas aos sectores de maquinaria agrícola, gandería e agricultura.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal