Satisfacción xeralizada entre as empresas expositoras e os asistentes a este monográfico, organizado pola Feira Internacional de Galicia dende o xoves ata hoxe no monte e instalacións do Centro Agroforestal de Sergude
• ENTRE ESTE PÚBLICO, QUE SUPÓN UN 10% MÁIS QUE NA PASADA EDICIÓN, REXISTRÁRONSE PROFESIONAIS DE DISTINTAS COMUNIDADES ESPAÑOLAS E TAMEN DOUTROS PAÍSES, COMO PORTUGAL, FRANCIA, ITALIA, ALEMAÑA, AUSTRIA, SUECIA, FINLANDIA E EE.UU
• CONTOU CON 134 FIRMAS DE 16 PAÍSES E UN COMPLETO PROGRAMA CON MÁIS DE 100 DEMOSTRACIÓNS DE MAQUINARIA, UNHA VINTENA DE CONFERENCIAS, DÚAS COMPETICIÓNS E UN PUNTO DE ENCONTRO PROFESIONAL
Silleda, 28 de xuño de 2014.- O III Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa, Galiforest 2014, que se celebrou dende o pasado xoves ata hoxe no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), pechou as súas portas cunha afluencia de máis de 5.500 visitantes, superando así nun 10% as cifras da pasada edición, a cal recibiu algo máis de 5.000 persoas do 28 ao 30 de xuño de 2012.
Entre o público desta convocatoria rexistráronse profesionais de distintas comunidades españolas, entre elas Galicia, Asturias, Castela - León, Cantabria, País Vasco e Navarra. Así mesmo, o certame contou coa presenza de visitantes doutros países, principalmente de Portugal pero tamén de Italia, Alemaña, Austria, Suecia, Finlandia e EEUU.
A satisfacción foi xeralizada entre os visitantes e tamén entre a maioría de empresas expositoras, moitas das cales destacaron a importancia dos contactos realizados durante a feira.
O certame, organizado pola Feira Internacional de Galicia, contou coa presenza de 134 firmas expositoras de 16 países (Alemaña, Austria, Bélxica, Canadá, EE.UU, Eslovenia, España, Finlandia, Francia, Holanda, Israel, Italia, Liechtenstein, Nova Zelandia, Portugal e Suecia), das cales 44 foron expositores directos e 90 indirectos. Unhas cifras que reflectiron un 44% máis de firmas que na anterior convocatoria e un 10% máis de expositores directos. Estas empresas ocuparon unha superficie neta de 5.639 m², o cal supuxo un 27% máis que daquela.
Esta área de exposición de Galiforest 2014, a cal foi visitada o primeiro día pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo, e polo Secretario Xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, contou con moitas das máis importantes firmas en explotación forestal e aproveitamento da biomasa. Estas amosaron, entre outros produtos, autocargadores, procesadoras, astilladoras, raxadoras, trituradoras, grúas, máquinas telescópicas, desbrozadoras, motoserras, taladoras, destoconadoras, arrastradores, compactadores de biomasa, remolques e tractores forestais, bombas e sistemas contra incendios e ferramentas de medición forestal, así como repostos e accesorios. En total mostráronse máis de 200 máquinas e centenares de pezas cun valor próximo aos 14 millóns de euros.
Ademais desta maquinaria, na exposición estiveron presentes empresas de planta forestal, diversos servizos orientados ao sector, asociacións ou prensa técnica.
Un atractivo programa
Ao espazo expositivo do monográfico uniuse un interesante programa cuxas actividades estiveron dirixidas por máis de 50 expertos de distintos ámbitos. Entre elas tiveron un lugar destacado as máis de 100 demostracións de maquinaria que se realizaron durante as tres xornadas da feira, nas cales parte das máquinas expostas realizaron, entre outras, exhibicións de corte, derribo, desembosque, desbroce, raxado de madeira, astillado, triturado, procesado, poda e tala en altura ou carga e descarga.
Tamén tiveron un papel importante as xornadas técnicas, as cales acolleron unha vintena de conferencias de gran interese para o sector. Estas abordaron, entre outros temas, a progresión de superficie e certificados FSC, xestión de aproveitamentos forestais, mecanización de traballos silvícolas e cortas, exemplos de innovación en mecanización forestal, novidades no sistema PEFC 2014 e a norma de xestión sostible, lexislación da EUTR (Regulamento da Madeira da Unión Europea), enfermidades e pragas do Eucalyptus globulus, a planta mellorada Ence, o mercado da madeira ou as novidades lexislativas nos aproveitamentos e rexistro de empresas no sector forestal galego.
Por outra banda, por primeira vez no certame celebrouse un Circuíto de Traballos Forestais, co obxectivo de fomentar o uso correcto das máquinas e EPIs (Equipos de Protección Individual), e tamén de formar en determinadas técnicas. Contou con 10 zonas centradas no emprego de diversas ferramentas, como cinta, trepolines, hacha, serra de man, trepa con corda zig-zag, tráctel e motoserra (en cortes verticais e horizontais, desramado e confección dun tallo). Cada unha delas supuxo unha proba para os participantes no circuíto, os cales adestraron durante os dous primeiros días e competiron hoxe entre si para demostrar a súa precisión, rapidez e habilidade.
Tamén por primeira vez Galiforest puxo a disposición de empresas e profesionais un Punto de Encontro Profesional no cal estes se puideron reunir durante o certame.
Innovación Tecnolóxica
Co obxectivo de recoñecer a innovación no sector forestal, o programa de actividades de Galiforest 2014 acolleu a terceira edición do seu Concurso de Innovación Tecnolóxica, ao cal se presentaron 10 proxectos que foron avaliados por un xurado formado por cinco expertos pertencentes a distintos ámbitos do sector.
Nesta edición resultou gañadora unha liña de trituradoras con patente galega. Presentada pola empresa coruñesa TMC Cancela, incorpora tres novidosos sistemas: de transmisión, que permite que poda triturar tocóns de madeira sen que pare o tractor ao que está unida a máquina; de aliñado, que supón a aliñación da transmisión que vai do apeiro ao tractor; e de triturado, no que o martelo en lugar de ser plano é en forma de dente, o que fai que en lugar de golpear a madeira, a parta, sendo así máis fácil a trituración e demandando menos consumo de potencia. O xurado outorgou o premio a esta innovación por ser unha patente novidosa que terá un rápido impacto no mercado ao ser un tipo de máquina moi empregada no sector forestal galego.
Neste Concurso de Innovación tamén se concederon dúas mencións, sendo unha delas para a firma pontevedresa Hitraf, polo Autocargador Komatsu 845 con sistema Maxifleet, o primeiro sistema do mundo de comunicación en rede para xestión de flotas de máquinas forestais. A outra foi para a empresa coruñesa Forcar – Cardelle Hidráulica, polo autocargador Forcar F 210 con caixa de cambios automática Allison 3500 e motor 6C John Deer Modelo 6068HFC93, cuxa cambio automático permite a retención do vehículo e un consumo reducido.
Espazo de encontro forestal
Con todo elo Galiforest 2014, que contou co apoio tanto do sector como da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, converteuse durante tres días en centro de negocio, escaparate de novidades e foro de análise para un sector estratéxico na comunidade como é o forestal, cuxo repunte se reflectiu tamén nas cifras e resultados desta edición.
E esto na mellor localización posible, o monte, o que supuxo un dos principais atractivos do certame para os diversos axentes implicados e a razón de organizalo fóra do recinto Feira Internacional de Galicia, xa que permitiu aos expositores realizar demostracións en vivo da maquinara exposta nunha masa arborada, e aos visitantes comprobar o seu funcionamento.