A maior lanparty galega celebra do 10 ao 12 de outubro unha edición especial centrada en intelixencia artificial, a XGN Intermax AI Edition

 

Silleda, 3 de setembro de 2025.- A maior lanparty galega, a XGN Intermax celebrará o seu 25ª aniversario do 10 ao 12 de outubro. E farao cunha edición especial centrada na intelixencia artificial, a XGN Intermax AI Edition.

 

Este evento contará de novo coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet, aínda que nesta ocasión engadirá un espazo expositivo coa IA como protagonista. Así, como é habitual, a Intranet, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.

Pola súa banda, a zona expositiva estará destinada a empresas centradas en desenvolvemento de modelos de IA, plataformas de infraestrutura desta tecnoloxía ou consultoras personalizadas, entre outros tipos de compañías. Esta pequena mostra será o xerme dunha futura feira especializada nesta tecnoloxía emerxente. 

En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa para inscritos dende o día 10 ata o 12 outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o día 9 ás 16.00h na chamada preparty. Respecto á Extranet e Exposición centrada en IA, poderase acceder o 10 e 11 de outubro de 10.00h a 20.00h, de forma gratuíta.

Formación, entretemento e, tamén negocio, serán así os eixos desta edición especial, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e tamén co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto o ano pasado, os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento.

Programa con destacada presenza da IA

Esta cita tecnolóxica volverá contar cun programa de actividades moi variado tanto para os inscritos como para os visitantes, o cal busca tanto a aprendizaxe como o entretemento. 

En canto a contidos, a intelixencia artificial terá unha importante presenza tanto en conferencias como en talleres tecnolóxicos interactivos, ademais de protagonizar a que se chamará “Zona Gaming + IA”. Así mesmo, entre os diversos creadores de contido que participarán no evento, algúns deles están especializados en IA. 

Apertura de preinscricións, hoxe

Para participar na XGN Intermax AI Edition, a organización abriu hoxe mércores o seu prazo de preinscricións, mentres que o de reservas comezará o vindeiro 10 de setembro. Será entón cando os rexistrados poderán tamén seleccionar os seus postos, o que facilitará aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona da party. A preinscrición e reserva deben realizarse a través da web do evento, https://25.xgnintermax.gal.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal