O sábado 10 de xullo levarase a cabo a 95ª Exposición Nacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA, mentres que o domingo día 11 celebrarase a 96ª edición de este mesmo concurso e tamén a 42ª Exposición Internacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Estas citas serán de máximo nivel, xa que as Exposicións representan a categoría máis alta dentro deste tipo de concursos. O seu obxectivo é buscar aos exemplares máis semellantes aos estándares da Federación Cinológica Internacional (FCI) e así recoñecer aos mellores exemplares para a cría. Para iso, dez xuíces de España e Portugal valorarán a morfoloxía, movementos e carácter dos cans.
As categorías destes concursos serán “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Intermedia”, “Aberta”, “Veterana”, “Traballo” e “Campións”. Ademais, todos os participantes poden competir en “Parellas” e “Grupo de Cría”.
Premiarase ao mellor can de cada raza en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven” e “Adulto”, os cales irán á final do seu grupo. Hai once grupos dos que sairán outros tantos gañadores, un por grupo. Entre estes once gañadores elixiranse os mellores en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Veterano” e “Razas Españolas”. O campión absoluto será o Best in Show da categoría de Adultos, a cuxas finais poderán optar tamén os cans con mellor puntuación das restantes categorías, excepto “Moi Cachorros” e “Cachorros”.
Nas Exposicións Nacionais o cans obterán puntos para o Campionato de España, mentres que na Internacional farano para o Campionato Internacional. Ademais, estas competicións puntúan para Mellor Can do Ano en Galicia dos Socios da Sociedade Canina Galega e serven para seleccionar aos que serán convidados á Gala TOP32, á que acoden os 32 cans que obtiveron máis méritos durante todo o ano anterior nas exposicións e concursos que celebra a entidade en Galicia.
Éxito das anteriores edicións
O pasado mes de setembro o recinto acolleu a 93ª e 94ª Exposición Nacional e a 41ª Exposición Internacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA, as cales contaron con gran éxito de participación.
Estas tres competicións reuniron a preto de 700 cans de 118 razas procedentes de tres países, convertendo ao recinto nun espazo de referencia para o mundo canino.
Xuntanza do Mastín do Pirineo
Nesta ocasión as Exposicións Nacionais e Internacional da Sociedade Canina Galega suman outra interesante cita. Así, o 10 de xullo celebrarase a IV Xuntanza do Mastín do Pirineo, competición na que poderán participar exemplares de toda España e na cal tamén se valorará a morfoloxía, movementos e carácter dos cans.