A feira Abanca Cimag-GandAgro mostrou o último do sector agropecuario a máis de 18.700 visitantes entre os que destacou un maior perfil profesional


Silleda, 23 de febreiro de 2019.- A III Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, a cal acaba de pechar as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA, rexistrou dende o xoves ata hoxe 18.744 visitantes.

Unha cifra menor que na pasada edición que reflexa unha corrección positiva do perfil dos asistentes, ao acudir un tipo de público cada vez máis profesional que responde aos interese dos expositores pola súa capacidade de compra e a súa intención de realizar negocios e ao deixar de acudir moito do público xeral das primeira edicións que asistía porque aínda vinculaba o certame ao ocio da feira Abanca Semana Verde. As boas condicións atmosféricas axudaron a que este último tipo de visitante, non profesional, fose aínda menor.

Por outra banda, os visitantes procedían de distintos puntos de España, especialmente Galicia, Asturias, Cantabria e Castela-León, e tamén de diversos lugares de Portugal.

Esta edición da feira Abanca Cimag-GandAgro contou coa presenza de 544 firmas expositoras de 32 países, dos cales 188 foron expositores directos e 356 foron marcas representadas. En canto ás firmas expositoras, supuxeron un 39% máis que en 2017 e foron dun 33% máis de países. Pola súa banda, os expositores directos sumaron un 13,2% máis e procedían de seis países (Alemaña, Austria, España, Francia, Italia e Portugal). Estas empresas ocuparon unha superficie neta de 12.734 metros cadrados, un 25% máis que en 2017, mentres que a bruta foi de 25.500 metros cadrados.

En canto aos resultados, a inmensa maioría deste expositores expresaron a súa satisfacción tanto polos visitantes que recibiron nos seus stands como polos contactos que realizaron, cumprindo de forma xeralizada os obxectivos da súa presenza en feira.

Esta edición ofreceu gran cantidade de propostas, de, entre outros ámbitos, sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes, sementes, xenética e animal vivo, equipamentos, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria para explotacións, de recolección e post-recolección, de preparación de solo e tamén de semente e aboado, ademais de compoñentes e accesorios Unha gran diversidade de maquinaria, instalacións e produtos aos que se sumaron numerosas razas que se promocionaron no certame, como as autóctonas de Galicia en perigo de extinción.

Máis de 40 propostas na súa programación

Respecto ás actividades do certame, contou con máis de 40 propostas de gran interese para agricultores, gandeiros e profesionais de diversos ámbitos do sector.

As conferencias tiveron un papel destacado pola súa diversidade e interese. Así, acolleu o XXIII Monográfico de Gando Porcino, no cal se abordaron, entre outros aspectos, os retos inminentes para o sector, como a oportunidade de negocio que supón o Brexit; e as Xornadas Técnicas de Cunicultura, nas que se trataron temas como a bioseguridade e se presentaron resultados do proxecto Tecnocún.

Uníronse a elas xornadas centradas en aspectos como separación de xurros e aproveitamento da fracción sólida para camas de vacún hixienizadas, transmisión natural de nutrientes na cadea alimentaria, control da humidade e aforro enerxético en naves avícolas, novas tecnoloxías aplicadas á agricultura de precisión, técnicas de picado e acondicionado de millo forraxeiro para ensilado e o biogás como futuro inmediato. Tamén houbo unha xornada informativa para orientar aos agricultores mozos en canto a formación e axudas.

Os concursos tamén contaron con gran importancia na feira, celebrándose os morfolóxicos XXXV Open Internacional e XXVIII Autonómico da Raza Frisoa, nos cales participaron 164 exemplares de alta xenética de Galicia, Asturias, Cantabria, Cataluña e Portugal. Neles alzouse como Vaca Gran Campioa tanto no autonómico como no internacional Rey 747 July High Octane, da S.A.T Rey de Miñotelo, de A Pastoriza (Lugo), mentres que os Mellores Criadores foron gandería Manteiga, de Vila de Cruces (Pontevedra) no autonómico e gandería Cudaña, de Valdáliga (Cantabria), no internacional. Sumáronse a eles o XI Concurso Internacional de Preparadores de Gando e o XXXIV Concurso de Xóvenes Manexadores.

Así mesmo, leváronse a cabo dous concursos que premiaron as innovacións tecnolóxicas no sector agropecuario, aos cales concorreron 42 propostas, o dobre que na pasada edición. Foron o Abanca GandAgro Innova, no que gañou un sistema automático de alimentación para gando vacún, e o Máquinas Destacadas Cimag, no que se distinguiron 18 innovacións.

Ademais, realizáronse presentacións, como a das razas Fleckvieh e Brown Swiss, degustacións de produtos ofrecida pola Consellería do Medio Rural e demostracións, como as centradas en encintado profesional de fardos de forraxe ou as xa máis lúdicas de realización de esculturas en madeira con motoserra.

Visita hoxe do conselleiro do Medio Rural


O conselleiro do Medio Rural visitou de novo esta mañá a feira Abanca Cimag-GandAgro, logo de participar o pasado xoves na inauguración oficial do certame, levada a cabo polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. José González percorreu o certame, intercambiando impresións cos expositores, e participou na entrega de galardóns das xovencas gran campioas dos concursos morfolóxicos XXXV Open Internacional e XXVIII Autonómico da Raza Frisoa.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal