Este Nadal o parque de atraccións Silleda Park volve con máis diversión e o Santiago Park estréase como proposta de lecer


Silleda, 7 de decembro de 2018.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA organiza este Nadal dous parques de atraccións, o xa consolidado Silleda Park, e o novo Santiago Park, no cal conta coa colaboración do Recinto Feiral de Amio.

En canto ao Silleda Park, que terá lugar no recinto desta entidade feiral, en Silleda, serán doce as xornadas nas que as portas estarán abertas para desfrutar do parque, correspondéndose cos días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2,3,4,6 e 7 de xaneiro.

O Silleda Park volverá a combinar atraccións, zonas lúdicas e deportivas e tamén actividades, conformando un espazo con gran atractivo polo que xa pasaron miles de visitantes tanto en familia como en visitas organizadas por concellos, colectivos e centros educativos.

En canto ás atraccións, que aumentan  respecto á pasada edición e inclúen novidades, os asistentes poderán desfrutar de saltamontes, pista de coches, dragón, barco de aventuras, tirachinas, camas elásticas, scalextric, inchables, mini olla, touriño infantil, bolas zorbing e Mario kart. A elas sumaranse varias áreas lúdicas, como unha de videoxogos e outra de xogos para os máis pequenos, e tamén pistas deportivas que inclúen fútbol, baloncesto e tenis, ademais de minigolf, ping pong e billar. Tamén haberá un xadrez xigante, unha exposición de figuras de ciencia ficción, unha pista de animal karts, un circuíto de pedais e unha galería de tiro e campo de nerf.

Así mesmo, realizaranse diversas actividades, entre elas talleres de maquillaxe e globoflexia e, como novidade, espectáculos diarios con distintas personaxes de debuxos animados e sorteos. Unhas personaxes que tamén animarán o parque durante toda a tarde e se fotografarán cos asistentes.

A toda esta oferta, que se irá actualizando en www.feiragalicia.com/silledapark, engádese a comodidade de celebrarse nun pavillón con gran amplitude,  climatización e  servizo de restauración.

A entrada contará con prezo único de 6€ por persoa e día (tanto para nenos como para adultos),  podendo acceder a todas as atraccións e actividades as veces que se queira, coa única excepción dun karting para adultos, que será de pago. O horario estenderase  en todas as xornadas das 16.00h ás 21.00h.

Santiago Park

Este novo parque de atraccións celebrarase nas mesmas datas que o Silleda Park pero engadindo tamén o 15 e 16 de decembro. Serán así catorce días os que se poderá acudir ao Recinto Feiral de Amio para que os máis pequenos o pasen en grande.

A entrada tamén terá un prezo único de 6€ para nenos e adultos e o horario de apertura será igual, de 16.00h a 21.00h todos os días. O aparcadoiro será gratuíto.

En canto ás súas propostas, contará con gran diversidade de atraccións, ás que se poderá acceder as veces que se queira, e entre as que haberá un saltamontes, camas elásticas, inchables, a xungla, vermiño, mini escalextric,  touriño infantil, barredora e pista de coches. A elas engadirase unha zona de xogos para os máis pequenos que tamén incluirá globoflexia. Así mesmo, disporá de servizo de restauración para que os asistentes podan merendar.

Toda a información sobre este parque de atraccións poderá consultarse en www.feiragalicia.com/santiagopark

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal