Silleda, 27 de abril de 2017.- O evento musical Spring Festival 2017 celebrará o 20 de maio a súa terceira edición, a cal reunirá no pavillón 1 do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA a tres das orquestras máis solicitadas do panorama galego, como son El Combo Dominicano, París de Noia e Panorama.
A empresa organizadora do evento, que nesta edición será a favor da Asociación de Rapaces e Amigos con Necesidades Especiais (Aranes), estableceu máis de vinte puntos de venda anticipada de entradas. Deles, un é a través de internet, na web de venda de tickets de Abanca (entradas.abanca.com), o cal xa está operativo. Os restantes son establecementos de distintos lugares de Galicia, nos cales se poderán mercar a partir de mañá.
Puntos de venda físicos
Neste listado de espazos establecidos para a venda anticipada inclúense, no concello de Silleda, as oficinas da Fundación Semana Verde de Galicia, o restaurante Casas Novas, o bar O Curruncho, a cervexería O Refuxio, Tiendas Bernabé e a Taberna do Músico (en Bandeira). En Rodeiro despacharán entradas no Pub Quirós, en Lalín no Café Alfonselle e as Tiendas Bernabé, en Forcarei no supermercado Eroski City, en Vila de Cruces en Tiendas Bernabé e en A Estrada tamén en Tiendas Bernabé, nas dúas cafeterías Invictus e no bar Bodedos (en Balboa – Arnois).
Fóra das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, as entradas tamén se venderán en Sigüeiro (Oroso) no bar Sigüeiro, en Lestedo (Boqueixón) na cervexería O Vinkingo, en Cuntis na Parrillada Foxos, en Pontevea (Teo) na Parrillada A Granxa, en Santiago no restaurante Santa Isabel (na zona de Galeras) e en Ourense (en A Valenzá) no local de Móvete Galicia.
O prezo da entrada anticipada é de 5€ nos puntos de venda físicos e de 5€ máis gastos de xestión na web de Abanca, incluíndo en ambos casos consumición. O día previo ao festival ás 20.00 horas pecharase a venda anticipada.
En taquilla o custe será tamén de 5€ pero sen dereito a consumición. Os nenos menores de 12 anos poderán entrar sen pagar (acompañados dun adulto) e o aparcadoiro será gratuíto.