Silleda, 16 de xaneiro de 2017.- O director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, e o xerente do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), Roberto Alonso, renovaron hoxe o acordo asinado por ambas entidades en decembro de 2015, mediante o cal uniran as súas forzas para incidir na profesionalización da pasada edición do Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA 2016, e potenciar os seus Encontros Internacionais de Compradores.
Con esta ratificación, que tivo lugar nas instalacións do Clúster en Santiago de Compostela, dase continuidade a este esforzo conxunto que pretende seguir reforzando o certame na súa vindeira edición, a cal terá lugar do 8 al 11 de xuño. Así, en virtude deste acordo o Clusaga dirixirá de novo a organización dos Encontros de Compradores do salón, aportando a súa experiencia para seleccionar aqueles importadores máis importantes dos países con maior interese para a oferta alimentaria presente na feira.
Deste modo, o convenio, que na pasada convocatoria permitiu incrementar notablemente a calidade dos compradores participantes nos Encontros, volverá a maximizar en SALIMAT ABANCA 2017 a efectividade destas reunións de negocio. Estas ascenderon en 2016 a máis de 1.400 (un 27% máis que na anterior edición) entre 94 expositores e 27 importadores, distribuidores e restauradores de 6 países.
Así mesmo, tras a boa experiencia da pasada edición, o Clúster deseñará unha vez máis no marco dos Encontros unha axenda de visitas a fábricas. Nelas os importadores coñecerán de primeira man os centros de produción de diversas empresas alimentarias e bodegas galegas.
Área expositivaPor outra banda, a través deste acordo quérese seguir fortalecendo a área expositiva do salón, polo que dende a entidade feiral incentivarase de novo a presenza dos socios do Clúster Alimentario de Galicia cun desconto para eles dun 30% no custe do espazo feiral.
Así, o convenio contribuirá a incrementar as boas cifras que a exposición de SALIMAT ABANCA rexistrou en 2016, cun 14% máis de empresas presentes respecto á edición de 2015 e un 20% máis de superficie neta, contando ademais coa presenza de importantes firmas de distribución, como Gadis, Vegalsa-Eroski e Carrefour, que tamén participaron nos encontros de negocio. Un crecemento expositivo que se debe en boa medida a estes Encontros de Compradores, unha plataforma comercial que conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e que potencia a vertente profesional e de negocio do certame durante xoves e venres, compatible por outra banda coa súa orientación para o gran público a fin de semana.
Clúster Alimentario de GaliciaO Clúster, centrado nun dos sectores estratéxicos da Comunidade, agrupa aos principais axentes da cadea de valor dos alimentos e as bebidas, co obxectivo de contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento sostible, internacionalización e mellora da competitividade do sector en Galicia.