A Feira Internacional de Galicia ABANCA volve a converterse en parque de atraccións este Nadal coa segunda edición do Silleda Park


Silleda, 4 de novembro de 2016.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA volverá a converterse durante o Nadal nun parque de atraccións, coa celebración da segunda edición do Silleda Park.

Serán once as xornadas nas que as portas do recinto estarán abertas para desfrutar desta cita, correspondéndose cos días 25, 29 e 30 de decembro e 1 a 8 de xaneiro. O horario estenderase  todos os días das 16.30 horas ás 21.30 horas.

O Silleda Park contará cunha formulación que xa contou con gran acollida na súa primeira convocatoria, a cal rexistrou máis de 8.000 visitantes (o 43% de fóra das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes). Así, contará cunha ampla oferta de atraccións que se complementarán con diversas actividades, ampliándose ademais as idades do público ás que se dirixen.

Numerosas propostas

Nesta edición o Silleda Park volverá a ofrecer un gran número de atraccións. Así, contará cun saltamontes, unha pista de coches, un dragón, unha olla, un tiovivo, un barco, un tirachinas e diversos  inchables. A elas sumaranse pistas deportivas, ping pong, máquinas recreativas e, por primeira vez, xadrez e unha zona de videoxogos.

Ademais, volveranse a levar a cabo diversas actividades, entre outras, exhibicións, torneos e sorteos, destacando entre estes últimos os de 11 videoconsolas PlayStation 4, unha cada día.

O prezo da entrada será, tanto para nenos como para adultos, de 5€, podendo acceder a todas as atraccións as veces que se queira.

A toda esta oferta do Silleda Park, a cal se irá actualizando na web www.feiragalicia.com/silledapark, sumarase a comodidade de celebrarse nun pavillón con gran amplitude,  climatización e  servizo de restauración que permitirá aos asistentes merendar.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal