Silleda, 10 de xullo de 2025.- Equina Galicia 2025, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde, arrinca mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda). Será a undécima edición deste evento, cuxa entrada será gratuíta para acceder a un programa con seis importantes competicións con preto de douscentos cabalos de seis países, ademais doutras propostas.
O evento, que terá lugar ata o domingo ao mediodía, comezará co XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE, de novo eixo principal de Equina e que volveu conseguir a categoría tres estrelas. Por terceiro ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e esforzo organizativo, ademais de valorar o recinto.
Esta competición, que inclúe tanto morfoloxía como funcionalidade e se estenderá durante os tres días, contará coa participación de 45 destacadas ganderías procedentes non só da maioría de Comunidades españolas, senón tamén doutros cinco países, como son Costa Rica, México, Italia, Francia e Bélxica. Un carácter internacional que comezou a medrar fai tres anos e que volve situar a Equina na axenda de ganderías estranxeiras que teñen cabalos competindo en España, os cales participan a través de presentadores nacionais para puntuar de cara ao Campionato do Mundo. Non en balde esta proba é clasificatoria para esta final mundial, que se celebrará en Sevilla do 18 ao 23 de novembro no Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).
Participarán oitenta exemplares de pura raza española, convertendo esta cita nun dos tres campionatos de España con maior número de participantes na categoría tres estrelas. Unha importante presenza que permitirá a Equina cumprir un dos seus principais obxectivos, dar a coñecer a importancia da gandería ecuestre.
Doma, enganches e equitación de traballo
Ademais do morfofuncional, esta cita ecuestre contará con outras cinco competicións. Tres delas centraranse o vindeiro sábado na doma clásica e contarán con 50 binomios, sendo o VII Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, que conta co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; a XXVI Copa Accega e o Territorial, sendo este último clasificatorio para o Campionato Galego. A súa alta cifra de participación consolida esta cita como a de maior participación de Galicia no que a doma clásica refírese.
O venres pola tarde e o sábado celebrarase a II Proba da Federación de Equitación de Traballo, a cal deu un salto cualitativo e cuantitativo. Así, ademais de ser puntuable para os campionatos de Galicia e Castela-León, este ano tamén o é para o nacional e conta co dobre de participantes que o ano pasado, sumando 15 binomios de Galicia, Estremadura, Castela-A Mancha, Castela-León, Madrid, Aragón e Andalucía. Esta modalidade centrada nas habilidades e destrezas do cabalo para o traballo co gando no campo, incluirá novamente catro tipos de probas, que serán doma, manexabilidade, velocidade e apartado de gando.
Xa o domingo sumarase a terceira proba das seis que compoñen o Campionato Galego de Enganches. Puntuable tamén para o Campionato de España, contará con cinco modalidades: Limonera e Tronco, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo; Sulky, cun cabalo e unha carruaxe con dúas rodas; Poni, orientada a nenos cunha carruaxe tirada por un poni e proba libre para non federados. Entre a súa decena de participantes, procedentes de distintos puntos de Galicia, figurará o actual subcampión de España de Limonera Individual e tamén o subcampión de Tronco en Portugal.
Xa para público xeral, Equina recuperará o bautismo hípico, pensado para fomentar a equitación como deporte entre os nenos e tamén para persoas con discapacidade ou alteracións intelectuais e motoras, para as cales o contacto con estes animais supón melloras cognitivas, físicas e emocionais. Nesta actividade, con cabalos cun adestramento especial e que será conducida polo Club Hípico Amazonas (Ponte Caldelas), outorgaranse diplomas e medallas aos participantes.
Mesa redonda con destacados profesionais
Nesta edición a conferencia celebrada habitualmente en Equina destacará polo seu interese e a celebración dunha mesa redonda posterior con destacados profesionais do sector. Baixo o título “O cabalo, proxección deportiva e condicións de traballo na biodiversidade das ganderías”, contará coa participación de Cristina Vierna, técnica de I+D+i do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) para o desenvolvemento de EUnetHorse, o primeiro proxecto europeo dedicado ao mundo equino para dar resposta a como mellorar a resiliencia e rendemento do sector en Europa. Así mesmo, intervirá Judit Anda, presidenta de Expasa e Yeguada de la Cartuja – Hierro del Bocado, unha entidade pública do estado que foi designada en 2019 como Centro Nacional de Referencia Zootécnica e que colabora co ministerio de Agricultura no desenvolvemento do programa de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras equinas.
Ademais, participarán Jaime Molina, director de ANCCE; Pedro Azor, subdirector do Libro Xenealóxico do PRE e director técnico do Programa de Mellora de ANCCE; Elena Blanco, xefa veterinaria do libro xenealóxico de Galicia e Asturias, e Eduardo Rodríguez, director técnico de Yeguada de la Cartuja – Hierro del Bocado.