Silleda, 27 de xullo de 2021.- A XGN R Encounter, a maior lanparty de Galicia, celebrará a súa 21ª edición do 9 ao 11 de outubro. E farao retomando o seu formato presencial tras levarse a cabo online o pasado ano.
Así, o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA volverá reunir a profesionais e afeccionados á informática e ás novas tecnoloxías nos seus dous pavillóns principais, os cales contan con máis de 10.000 metros cadrados cada un.
O evento desenvolverase con todas as medidas de seguridade e o protocolo que establezan as autoridades sanitarias en función da situación derivada da COVID-19.
A Feira Internacional de Galicia ABANCA irá deseñando nas próximas semanas esta edición, que é a quinta coa operadora galega R como colaboradora e patrocinadora oficial e que de novo conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party. Unha cita coa que se pretende recuperar a esencia deste tipo de eventos, o intercambio de experiencias máis aló do espazo virtual, para posteriormente continuar coa excelente evolución desta lanparty, a cal pretende converterse na segunda de España.
Un obxectivo vinculado á rede de Encounters do Grupo Euskaltel, ao que R pertence, a través da súa Fundación, que vén desenvolvéndose no País Vasco desde hai máis de 25 anos e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter e a Araba Encounter.
Amplo programa para rexistrados
Aínda que algunhas decisións sobre esta edición se tomarán proximamente, o que non cambiará respecto a anteriores citas será o seu completo programa de actividades para os rexistrados na Intranet, a cal incluirá un gran número de actividades formativas e lúdicas.